Nauta solicita ante o TSXG a paralización das obras dos peiraos do Real Club Náutico
Por Redacción
Nauta Sanxenxo anunciou este xoves ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o recurso contra a construción dunha instalación náutico-recreativa por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo no Porto Deportivo Juan Carlos I, un equipamento de titularidade municipal xestionado pola empresa pública demandante.
Ademais solicitaron ante o TSXG a adopción de medidas preventivas para evitar que a entidade deportiva siga adiante coas obras debido aos danos e prexuízos que causarían.
A petición de paralización dos traballos céntrase, pois, nos efectos medioambientais que provocarían e que xa foron apuntados tanto nun informe pericial visado polo Colexio Oficial de Biólogos, como pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), integrante da Foundation for Environmental Education.
Os expertos apuntan, pois, ao posible aumento no risco de contaminación por hidrocarburos que se derivaría desta infraestrutura, que levaría consigo ademais unha redución do espazo público das praias dos Barcos e Panadeira e efectos sobre a paisaxe debido á súa proximidade coa liña de costa.
Nauta Sanxenxo argumenta tamén á hora de reclamar a inexecución dos traballos de instalación dos peiraos que a súa concesión e explotación incumpre a normativa urbanística vixente, referíndose tanto ao Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo aprobado no seu día por Portos de Galicia, coma ao seu Plan de Utilización; ademais de transgredir as directrices establecidas polo Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL).