Finaliza o episodio de vento e choiva cun total de 456 incidencias
Por Oskar Viéitez
Ao mediodía deste domingo a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) deu por finalizado o episodio de vento e choiva cun total de 456 incidencias.
A maior parte das intervencións estiveron motivadas pola caída de árbores, inundacións en estradas e rúas e accións dos equipos de emerxencias para evitar riscos derivados da situación climática.
Durante a xornada do sábado, o 112 Galicia contabilizou un total de 456 incidencias relacionadas cos fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel laranxa no mar e avisos amarelos en terra por choiva e vento. O maior número das intervencións realizáronse na provincia de Pontevedra (183), seguida da Coruña (176), Lugo (63), e Ourense (34).
Os concellos que sumaron máis intervencións foron: Vigo, Pontevedra, Nigrán, Soutomaior.
Na provincia da Coruña: Santiago de Compostela, A Coruña, Ponteceso, Boiro, Ribeira; en Lugo, Palas de Rei, Foz; e en Ourense, a mesma capital.
A maior parte das chamadas que se recibiron no 112 Galicia, e que implicaron a mobilización de recursos, estiveron relacionadas coa caída de árbores (184), inundacións en estradas e rúas (85), inundacións en baixos e garaxes (17) e en vivendas (14). Tamén destacaron algunhas accións dos equipos de emerxencias para evitar riscos (54), e atenderon cinco chamadas por embarcacións que se soltaron do amarre sen máis consecuencias.