A borrasca Celine deixa múltiples incidencias
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A xornada deste sábado está chea de incidencias por mor da borrasca Celine.
Entre as máis rechamantes está a situación rexistrada coa pleamar das catro da tarde no peirao de As Corvaceiras e na autovía de Marín que quedaron asolagados.
A estrada tivo que ser pechada ao tráfico pola Garda Civil e no estacionamento de As Corvaceiras a auga chegou aos coches aparcados polo que a Policía Local tratou de localizar aos propietarios. A crecida do río tamén afectou a unha parte da Illa das Esculturas.
A situación na autovía de Marín repetiuse de madrugada e o corte de tráfico reproduciuse entre as 3:30 horas da madruda e as 6:30 en ambos os sentidos da circulación debido ao desbordamento do mar sobre a calzada. O paso alternativo estableceuse pola estrada vella que comunica Pontevedra con Marín.
No outro lado da ría a situación era similar coa calzada asolagada en lugares como Covelo, Raxó, ou en Combarro onde houbo inundacións na contorna do peirao, afectando tamén á zona de restaurantes xa que a rede de rede de sumidoiros non é suficiente para evacuar o exceso de caudal.
O Concello de Pontevedra informou de incidencias durante a noite como tapas de rexistros de pluviais levantadas na avenida de As Corvaceiras, Uruguai, avenida de Vigo, Joaquín Costa e José Malvar. Tamén se asolagou a rúa Rafael Areses. Os operarios da concesionaria Viaqua tiveron que aplicarse a fondo para resolver todos estes problemas.
Xa durante a mañá deste sábado sumáronse outras incidencias como unha árbore caída na Avenida de Buenos Aires, que foi retirado polos Bombeiros.
E quedaron sen iluminación pública as rúas Eduardo Pondal, Alhóndiga, Bastida e Ruibal, o que obrigou á intervención dos servizos técnicos municipais.
Na Avenida de Montero Ríos desprendeuse unha caixa de Telefónica e, de novo, levantáronse as tapas dos sumidoiros na rúa César Boente debido ao exceso do caudal de auga. En Eduardo Pondal tamén se asolagou un baixo.
O vento tamén provocou que se desprendesen algunhas planchas metálicas da Ponte da Barca.
A central do 112 recibiu numerosas chamadas alertando da presenza de balsas de auga en distintas estradas e árbores caídas.
Xa pola tarde o Concello de Pontevedra sumou outras novas incidencias como a presenza de ponlas de árbores nas rúas: Sagasta, Peregrina, Joaquín costa, Andrés Mellado, entre outras.
A auga entrou nalgúns locais da praza do gremio dos Mareantes e na rúa 12 de Novenbro caeron chapas de peche da obra da residencia e desprendéronse outras dun tellado dunha vivenda de Maruxa Mallo.
Tamén foi un aviso reiterado a presenza de colectores tirados en varias rúas como: San Amaro, Avda de Lugo, Alexandre Bóveda, Praza de Galicia.
E máis arquetas levantadas na Barca, Uruguai, Urco, Jofre de Tenorio, Santa Margarida, A Seca, Ponte dos tirantes con avenida de Bos Aires.
Por último, inundouse un garaxe na rúa Virxinia Pereira Renda e tivo que ser pechada a ponte das Cabras por inundación.
Lembremos que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) mantén activo un episodio meteorolóxico adverso no mar, con alerta de nivel laranxa, que afecta a toda a costa da comunidade galega por fortes ventos (forzas 7 e 8) e ondas que poden alcanzar os sete metros de altura. Ademais hai aviso amarelo por choivas e vento en todo o territorio.
Relacionadas:
-
Nelson obriga a cortar o tráfico na PO-11 por inundacións na estrada entre Pontevedra e Marín
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O vento e a choiva derruban árbores e valados nunha tarde cargada de incidencias en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Alerta laranxa por temporal con ventos que poden chegar a 100 km/h en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha previsión que asusta: vén unha cicloxénese explosiva con forte vento
Por Oskar Viéitez |
-
Combarro, o nunca visto en 50 anos e moitas doses de humor: descalzos ao baño ou en piragua pola rúa
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra acumula 15 días seguidos de choiva e o prognóstico apunta que serán máis
Por Oskar Viéitez |
-
Finaliza o episodio de vento e choiva cun total de 456 incidencias
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas veciñais pola inseguridade que xera a falta de iluminación pública
Por Oskar Viéitez |
-
E Combarro converteuse en Venecia
Por Oskar Viéitez |