![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/3ba/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f2bdebb2f-traballos-anteriores-na-senda-fluvial-de-castanosa-e-gundeiro.jpg)
© Concello de Moraña
Moraña logra o seu sétimo obradoiro de emprego e formará 20 persoas en Carpintaría de Madeira e Forestal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Moraña terá un sétimo obradoiro de emprego. O proxecto formativo e laboral que comparte con Valga acaba de conseguir a unha achega de 531.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a posta en marcha dunha nova iniciativa.
Moraña será a sede o obradoiro e o Concello xa abriu o proceso de selección do persoal docente e o prazo de inscrición para os posibles solicitantes, que teñen que ser persoas maiores de 18 anos inscritas no Servizo Público de Emprego.
As persoas interesadas poden conseguir toda a información necesaria no propio concello ou na oficina de Emprego de Caldas de Reis.
Esta actividade formativa, que se desenvolverá en modalidade dual coa inclusión de prácticas en empresas ao seu remate, comezará o vindeiro mes de novembro.
O alcalde, Sito Gómez, explica que o Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VII contará con vinte alumnos-traballadores nas modalidades de Carpintaría de Madeira e Forestal e desenvolverá as súas actividades por espazo de doce meses cunha carga lectiva de 1.920 horas.
O Concello de Moraña beneficiarase da realización de diversas obras, pois o alumnado encargarase da limpeza e acondicionamento de sendas na Bouza, Alberguería, Barosela e as contornas das piscinas municipais e do campo do Buelo e da execución de plantacións arbóreas en diferentes zonas de Santa Lucía, espazos rurais e as inmediacións de equipamentos públicos.
Tamén serán tarefas dos participantes a conservación e a montaxe de instalacións de madeira en parques infantís, valados e mobiliario urbano e a construción de cubre contedores, das casetas da Aldea de Nadal e da escola unitaria de Amil.