Detida unha veciña de Caldas por vender droga nas proximidades de dous colexios
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo nos últimos días unha veciña de Caldas de Reis como sospeitosa dun delito de tráfico de drogas por presuntamente vender estas substancias nas proximidades de dous colexios da súa localidade.
A muller, de 37 anos e con multitude de antecedentes policiais e penais por feitos similares, quedou en liberdade tras ser posta ao dispor xudicial.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas decretou a súa posta en liberdade provisoria coa obrigación de comparecer perante o xulgado cando sexa requirida.
A súa detención é resultado da colaboración do equipo EBIO da Garda Civil de Vilagarcía, os postos da Garda Civil de Valga e Caldas e a Policía Local de Caldas.
A operación supuxo seis meses de investigacións, entre abril e outubro, e comezou por mor de diversas queixas veciñais por trapicheos de drogas a escasos metros dun colexio céntrico de Caldas.
Nese mesmo centro xa se desenvolveu outra operación similar hai ano e medio e os investigadores lograron pescudar a identidade da sospeitosa, aínda que a persoa investigada cambiou repentinamente de domicilio.
Localizada a nova dirección desta persoa, realizaron unha fase de vixilancia na que investigadores constaron que á súa nova vivenda acudían diversas persoas que realizan intercambios de substancias estupefacientes. Dáse a circunstancia de que ese domicilio está preto doutro centro escolar da localidade.
A muller foi detida o pasado sábado. Déronlle o alto ao seu vehículo e realizáronlle un cacheo no que atoparon preto de 50 gramos dunha substancia que resultou ser cocaína.
Unha vez detida, e con autorización xudicial, o domingo os investigadores realizaron un rexistro no seu domicilio, no que utilizaron un can detector de drogas. Participaron axentes de Seguridade Cidadá, o Equipo de Policía Xudicial de Cambados, o Servizo Cinológico e especialistas do Servizo Fiscal e Fronteiras de Vilagarcía de Arousa.
Na casa atoparon droga disposta para a súa venda inmediata polo miúdo, unha báscula de precisión, terminais de telefonía e diñeiro en efectivo.
Relacionadas:
-
Prisión para oito detidos na operación 'Mar Rice' contra o narcotráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Desarticulan un importante punto negro de venda de droga nun piso de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Incautan un quilo de droga tras desarticular dous puntos de venda ante colexios de Caldas
Por Redacción |