Dúas parcelas pasan de uso agrícola a zona axardinada para mellorar o acceso á zona educativa da Xunqueira
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comprou dúas parcelas cunha superficie total de 734 metros cadrados para crear un espazo público axardinado na contorna da avenida de Compostela para que faciliten ou acceso directo á pasarela peonil que une a zona de Pasarón co campus, xestión que se está tratando co Ministerio de Fomento.
As leiras atópanse na Rúa Leonardo Enríquez e na avenida de Compostela. Ata o de agora atopábanse destinadas a usos agrícolas e agora serán axardinadas pola área municipal de Servizos Urbanos básicos, que xestiona o concelleiro Xaquín Moreda.
Esta mesma semana está previsto o inicio dos traballos de incorporación ao uso público destas dúas pequenas parcelas.
A intención é integrar a zona ao redor do estadio de Pasarón coa área educativa da Xunqueira. Ademais, desde o Concello sinalan que esta intervención mellorará a seguridade viaria na zona.
Os traballos que previstos comezarán coa demolición, levantado e desentullo dos dous terreos. Eliminaranse os peches para despois raspar a superficie e nivelar alturas para axardinar os espazos.
Tamén se contempla a instalación dunha pérgola que ofreza sombra cunha cobertura de viña ornamental, en recordo dos usos que mantiña anteriormente.
Ademais, o goberno local anuncia a mellora dos noiros das parcelas en dirección á avenida de Compostela, con eliminación de maleza e plantación de especies tapizantes que permita crear unha capa baixa de vexetación controlada.
O orzamento para toda esta actuación urbana sitúase en 47.757 euros.