Xornada intensa para os servizos de emerxencia polo temporal de vento e chuvia
Por Redacción
O vento e a choiva que nas últimas horas está a azoutar a comunidade galega deixou un regueiro de incidencias en toda a provincia de Pontevedra.
Entre as 12 de onte e as 6 horas desta madrugada, o 112 Galicia rexistrou un total de 271 incidencias relacionadas co vento e a choiva que afectan á comunidade, das cales 107 rexistráronse na provincia de Pontevedra.
Pontevedra e Tui (8), así como A Estrada (5), foron os municipios pontevedreses cun maior número de intervencións de emerxencia, aínda que ningunha das incidencias causou danos persoais. Na capital viuse afectada parte da iluminación pública.
Outro dos municipios pontevedreses onde os servizos de emerxencia tiveron máis traballo foi en Caldas de Reis, onde se asolagaron varias rúas da localidade, segundo informou Protección Civil, pola cantidade de auga que caeu en tan pouco tempo.
Ademais, os bombeiros tiveron que intervir nun edificio que tiña unha das chapas da súa cuberta a piques de caer sobre a calzada.
O 112 Galicia sinala que, en xeral, as incidencias relacionadas coas vías de circulación foron as máis repetidas, coas árbores e ramas, as inundacións e as bolsas de auga, a terra, as pedras ou diferentes tipos de verteduras.
A continuación situáronse as actuacións dos servizos de emerxencias para evitar riscos maiores e as inundacións en rúas, vivendas, garaxes ou baixos comerciais.
Relacionadas:
-
Continuarán as borrascas nas Rías Baixas durante toda a semana
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As chuvias deixan numerosas inundacións en Cambados
Por Anxo Lourido |
-
Volve entrar auga no interior do colexio Froebel, tras un verán de obras no tellado
Por Anxo Lourido |
-
Preocupación no Gorgullón porque as chuvias volven asolagar as rúas
Por Redacción |