Inician a limpeza dos ríos de Marín para evitar desbordamentos do caudal
Por Redacción
Xa están a traballar os operarios na retirada de maleza no leito dos ríos de Marín coa intención de que coa chegada de choivas intensas non se rexistren inundacións nas marxes.
Pablo Novas, concelleiro de Medio Rural, achegábase este luns ata o Río da Laxe para comprobar o inicio dos traballos.
O investimento realizado polo goberno local para acometer esta limpeza achégase aos 12.000 euros. Durante os próximos días van limparse os laterais e o leito dos ríos, triturando a maleza cunha rozadora manual de disco.
A maleza e os plásticos e outros obxectos que se atopen serán retirados á entulleira.
Está previsto que se actúe no río da Grela, desde a ponte de Coirados ata o Lavadoiro da Presa; no regacho que percorre a parte traseira do CEIP do Sequelo e desemboca nas hortas urbanas; no río Castiñeiras, desde o Lavadoiro de Coirados ao muíño antigo da Roza.
Tamén se intervirá no río da Laxe, desde a ponte do camiño do Peso ata a parcela traseira dunha cadea de supermercados e no río Lapamán.
Coa intervención, o Concello quere evitar que se produzan inundacións por desbordamento das augas e outros problemas que se orixinan coa época de maiores choivas.