Activada a alerta laranxa para este martes no litoral da provincia de Pontevedra por temporal
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia activou para este martes 17 a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia de Pontevedra e tamén da Coruña.
O fenómeno meteorolóxico por ventos iniciarase a última hora deste luns, segundo indica a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e espérase ao sur de cabo Vilán con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinada do sur ou suroeste con ondas de ata sete metros de altura.
Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través de 112 Galicia, informou da situación a todos os municipios da provincia afectadas; deputacións; servizos provinciais, clubs náuticos e agrupacións de voluntariado de Protección Civil, entre outras entidades.
Unha vez máis ante estas circunstancias, a Xunta lembra á cidadanía que se manteña afastada da liña de costa, evitando diques, rompientes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar actividades no mar e que se revisen os amarres das embarcacións nos portos.
Durante o martes, boa parte da comunidade autónoma permanecerá en alerta amarela por choivas e vento. Espérase que as precipitacións superen os 40 litros por metro cadrado nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra.
Desde primeiras horas da madrugada, os refachos de vento de compoñente sur poderán superar os 80 quilómetros por hora nas provincias da Coruña e de Pontevedra, tamén no sur e na montaña de Ourense e no centro, no sur e na montaña de Lugo.
A Xunta aconsella consultar a páxina web do CIAE 112, que ofrece información meteorolóxica.