Suspensión "in extremis" do proceso de estabilización do persoal do Concello de Sanxenxo
Por Redacción
A primeira hora da mañá deste venres, Paula Martínez, concelleira de Persoal en Sanxenxo, convocaba de maneira urxente aos representantes sindicais do Concello para anunciar que se suspendía de maneira temporal o proceso de estabilización iniciado no municipio.
Segundo manifestou neste encontro, o motivo desta suspensión "in extremis" atópase en que se detectaron "anomalías" no proceso. Para evitar reclamacións futuros que causen problemas na estabilización das prazas, o goberno local decidiu suspender este procedemento ata novo aviso.
Paula Martínez anunciou que o obxectivo é dotar de seguridade xurídica ás persoas aspirantes e por este motivo realizarase unha revisión e solicitaranse informes técnicos para que o proceso se execute "con garantía e seguridade".
Este sistema de estabilización busca, segundo o Concello, unha redución da temporalidade actual nos postos estruturais do municipio.
Segundo indican desde o Concello, o goberno local actuou con "total transparencia" comunicando a decisión antes de que se celebrase o primeiro exame previsto para o luns 16 de outubro.
A suspensión afecta inicialmente a 89 persoas que traballan no Concello e tamén aos procesos previstos nos organismos autónomos Terra de Sanxenxo, con 65 traballadores; Turismo de Sanxenxo, con 23; e Nauta de Sanxenxo, con 17.
O BNG CRITICA UNHA "CHAPUZA SEN PRECEDENTES"
Desde o BNG tildan de "chapuza sen precedentes" esta decisión do goberno local de suspender o proceso de estabilización do persoal municipal a apenas tres días vista da celebración do exame, alegando ter atopado posibles anomalías.
"É inaudito que se tome unha decisión desta magnitude a tan poucos días da realización da proba. Esta é unha nova mostra da pésima xestión do señor Telmo Martín", sinalou Fran Leiro.
Advirte de que esta medida afecta a centos de persoas "que levan moito tempo preparándose para presentarse ao proceso, agora suspendido" e o que se consigue "é xerar desconfianza cara un proceso que debería ser serio e xusto".