O Tribunal de Contas non ve responsabilidade contable no caso do terreo para a planta de compostaxe na Canicouva
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Tribunal de Contas resolveu que "non existe ningunha responsabilidade contable" no contrato de construción e explotación da planta de compostaxe que o Concello de Pontevedra estableceu coa comunidade de montes da Canicouva.
A delegada instrutora do órgano colexiado rexeita a denuncia iniciada polo Partido Popular de Pontevedra que alegaba malgasto do Concello de Pontevedra por pagar 20.000 euros anuais á comunidade de montes da Canicouva dun contrato que consideraban "extinguido". A Fiscalía xa arquivara unha denuncia do PP sobre estes pagos polo alugueiro dos terreos.
No informe do Tribunal de Contas maniféstase que "o pago da renda fixa ou canon de 20.000 euros, correspondente ao exercicio 2020 ao que se refiren as presentes actuacións previas [ou do exercicio 2020], está xustificado, en canto é un pago debido por causa da vixencia do contrato que nos ocupa. E hai que entendelo así, máxime cando a repetida sentenza de data 18 de maio de 2023 condena o Concello de Pontevedra ao abono da renda fixa ou canon do exercicio 2021, posterior ao aquí cuestionado".
A acta do organismo finaliza expoñendo que "non procede o pronunciamento neste trámite de actuacións previas dun suposto de alcance no sentido técnico-xurídico que a este termo confire o artigo 72 da Lei 5/1988, do 5 de abril, de funcionamento deste tribunal".
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestaba este venres que esta resolución é "outro fracaso do Partido Popular" sostendo que Rafa Domíguez, portavoz municipal do PP, "quixo enmarañar ata o último extremo as cuestións municipais".
O rexedor da capital lembrou que o caso estaba xa xulgado no seu momento e "todo está en orde".
Relacionadas:
-
O Tribunal de Contas dá o carpetazo definitivo á denuncia do PP polos terreos da planta da Canicouva
Por Natalia Puga |
-
O contrato dos terreos da Canicouva, agora a exame do Tribunal de Cuentas
Por Alejandro Espiño |
-
Lores tilda de "covarde" ao PP por ocultar o arquivo da investigación sobre os terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
A Fiscalía non ve delito no aluguer dos terreos da Canicouva e arquiva a denuncia do PP
Por Natalia Puga |