Iván Puentes, do PSOE: "Se non queren abrir o Gafos en Campolongo que o digan para actuar en consecuencia"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE, saíu ao paso das declaracións do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e do concelleiro César Mosquera para definirlas como "mentiras absolutas" en relación aos estudos e proxectos que certifican a viabilidade para a reapertura do río Gafos en Campolongo.
Lembrou que ten concedidos 2,3 millóns de euros de fondos europeos para executarse a primeira fase entre Xeneral Rubín e a igrexa de Campolongo, diñeiro que se pode perder se volven promoverse novos estudos: "vamos co tempo moi xusto".
Puentes explicou que as "mentiras absolutas" se desmenten revisando o expediente e a documentación sobre o proxecto e acusou de descoñecemento e desinterese ao goberno local sobre a execución desta obra, que cualificou de "referente internacional".
Expuxo que existen dous estudos de viabilidade sobre o proxecto: un centrado nas solucións para que o río destapado mellore a mobilidade peonil e ciclista garantindo o acougado do tráfico sen xerar inconvenientes en ambas as marxes do río con propostas concretas para cada tramo, e un segundo estudo hidráulico, sobre o comportamento do río, para analizar os riscos de inundación con solucións sobre como debería quedar a ribeira en cada un dos espazos que percorre o leito.
O portavoz socialista afirma que os dous estudos conclúen que a obra de destapar o río é "perfectamente viable" e argumenta que, ademais, hai outros 13 documentos técnicos que avalan a viabilidade da proposta procedentes da Comisión Europea, o Goberno Español ou a Xunta de Galicia.
"Augas de Galicia foi consultada desde o minuto un, desde antes do informe de viabilidade", asegurou Puentes referíndose ao traballo realizado cando no anterior mandato era responsable desta iniciativa e mostrou un documento de Augas de Galicia do 1 de xullo de 2020. Explicou que tamén se logrou que a Xunta incluíse o río Gafos no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrolóxica de Galicia e no Plan de Risco de Inundacións de Augas de Galicia, incorporando esta actuación para o período 2021-2027. Estes documentos, segundo Puentes, avalan o financiamento para novos fondos europeos que cheguen a través da administración de Galicia.
Tamén se tratou o proxecto coa Consellería de Educación, advertiu o concelleiro socialista, que propuxo unha serie de puntos sobre mobilidade en relación co colexio Crespo Rivas, de Campolongo, que foron acollidos no traballo do Concello.
"Non hai condicionante que nos diga que para redactar o proxecto sexa necesario un estudo xeotécnico", indicou o dirixente socialista, apuntando a que hai varios estudos elaborados en relación á situación dos terreos e o estudo técnico sobre o estado da tapia do río en que se observa a canle e os muros polos que circula o río. "Un estudo xeotécnico o único que podería facer sería avaliar como tería que ser unha solución definitiva unha vez que se teña un proxecto gañador", indicou especificando que un estudo destas características debe realizarse unha vez que se decida o proxecto para executar e non antes como afirman o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro César Mosquera.
Iván Puentes: "Temos aval técnico, institucional e da cidadanía para poder sacar adiante esta obra"
O documento de viabilidade, expuxo, recolle as necesidades de mobilidade e nel obsérvase que na zona escolar establécese unha franxa de cor vermella para esixir unha afección o menor posible sen entrar nos terreos do colexio e manter, se é posible, os muros de contención do colexio para que se propoña unha mobilidade sobre o río. Este aspecto, segundo Puentes, "desmonta a mentira da necesidade dun estudo xeotécnico que diga como están os terreos do colexio", que apuntou en que estaba prevista unha partida de 14.500 euros para que o gañador do concurso de ideas poida acometer os estudos que considere oportunos.
Apuntou que a Xunta de Galicia e o Goberno español deron ao proxecto do río de Vos Gafos a máxima puntuación como unha obra de referencia para renaturalizar ríos en España. Desde o grupo municipal socialista lembran que esta actuación tamén conta cun apoio maioritario entre a cidadanía tal e como recollen estudos que realizaran. "Temos aval técnico, institucional e da cidadanía para poder sacar adiante esta obra", advertiu Puentes que pediu a César Mosquera que "se deixe de lerias" e saque dunha vez por todas este proxecto.
Puentes afirmou que quedaron as bases elaboradas no anterior mandato, cun xurado indicado e por iso pide ao goberno do BNG que continúe co traballo canto antes para evitar perder os fondos europeos cuxo prazo finaliza o 31 de decembro de 2025. "Estamos moi preocupados polos prazos", afirma o portavoz socialista, que engade: "dunha parte teño á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Transición Ecolóxica e á Unión Europea dicindo que é viable abrir o Gafos en Campolongo. Da outra, teño a Lores e a Mosquera afirmando en sala de prensa que non é viable sen ningún tipo de documentación, de soporte técnico nin de nada salvo a súa opinión".
"Que non enreden, que non paralicen, que digan a verdade. Se non queren abrir o Gafos en Campolongo que o digan claramente para que actuemos os demais en consecuencia para poder executar esa obra", demandou Puentes pedíndolle a César Mosquera que non atrase innecesariamente o proxecto e que siga adiante cos traballos "moi serios que hai".
"Empezamos poñendo excusas con informes técnicos que encargamos ad hoc para que ao final eses informes sexa políticos e non abrir o Gafos en Campolongo", advertiu o socialista, quen insistiu en que o proxecto non se aprobou no anterior mandato por cuestións de trámite administrativo e en maio deste ano o borrador estaba só pendente de lanzar o concurso. O representante socialista considera que o BNG está actuando con "revanchismo político".
Relacionadas:
-
A primeiros de decembro haberá datos das catas sobre o substrato do río Gafos para estudar o destape
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Vaipolorío lamenta que as "desavinzas" políticas demoren abrir a "cripta" do Gafos
Por Redacción |
-
Nove edificios serán revisados no estudo xeotécnico para decidir o destape do río Gafos
Por Anxo Lourido |
-
Lores: "Eu quero levantar o Gafos pero non o vou facer sen garantías de como está toda a zona recheada"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Lores, sobre o Gafos: "Temos a vontade de destapalo pero non nos meteremos nunha obra así a cegas"
Por Alejandro Espiño |
-
Campolongo reclama "deixar de dar voltas" co destape do Gafos "e saber se o van a abrir ou non"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Domínguez corresponsabiliza a un PSOE "sumiso y desubicado" de que Pontevedra estea "paralizada"
Por Alejandro Espiño |