Cerdedo-Cotobade prepara todas as súas estradas para a tempada de choivas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Polo lugar de Atalaia, en Viascón, comezou o plan despregado polo Concello de Cerdedo-Cotobade para mellorar a seguridade nas estradas de titularidade municipal, de xeito que todas estas vías estean preparadas para afrontar a tempada de choivas.
Son actuacións que van desde o perfilado e limpeza das cunetas ata o repintado das vías de vertebración interior do concello.
Na Atalaia, por exemplo, a actuación municipal permitiu realizar unha limpeza exhaustiva de cunetas, profundando nos lugares onde facía falta e facilitando a canalización natural das escorrentías e das augas pluviais que se poidan producir coa chegada da estación de choivas.
Ademais, o Concello afrontou o repintado da estrada de titularidade municipal para mellorar a seguridade vial no trazado, xa que co paso do tempo e a acción de desgaste moitas liñas delimitadoras das estradas estaban perdendo a súa visibilidade e funcionalidade.
Esta actuación permitiu mellorar a sinalización horizontal da estrada ata o Parque Multiaventura.