Peche exprés da CIG nunha oficina bancaria para denunciar a carestía da vida
Por Oskar Viéitez
A CIG celebrou este mércores unha asemblea na que participaron 160 delegados para analizar a actual situación económica, laboral e social.
Ao seu termo, sobre as doce do mediodía, tivo lugar unha concentración na Praza da Peregrina, un acto de protesta que tamén se repetiu simultaneamente nas sete cidades galegas, tal e como estaba anunciado.
O que non explicara a CIG era a súa intención de completar esta xornada de mobilización cun peche de 15 minutos nunha oficina bancaria. No caso de Pontevedra foi na sede do BBVA na rúa Gutiérrez Mellado.
Así que, os 160 delegados sindicais entraron no banco e o secretario comarcal Marcos Conde explicou aos clientes e aos empregados do BBVA o motivo da súa protesta e pediulles desculpas polas molestias causadas con esta acción aclarándolles que non ía dirixida contra eles. Pasados dez minutos rematou a protesta e saíron do banco. Varios axentes da Policía agardaban fóra por se se producía algún incidente, algo que non ocorreu.
O que hoxe quixo denunciar a central sindical é o "gravísimo incremento" dos prezos dos produtos de primeira necesidade, que está a provocar, á súa vez, un "crecemento desbocado da inflación".
Marcos Conde explicou como esta situación, xunto á subida do Euribor, "está a afogar economicamente ás familias e á clase traballadora no seu conxunto" e fronte a iso están "os beneficios millonarios de banca, multinacionais enerxéticas e grandes cadeas de alimentación".
O secretario comarcal de CIG recoñece que o que hoxe están a demandar "levamos xa moito tempo denunciando e vemos que non hai cambios" pero insisten igualmente en que "a crise non podemos pagala a clase traballadora".
"Estamos a ver como todas as medidas que se están adoptando repercuten moi positivamente nos saldos e balances de contas de resultados das grandes empresas e dos bancos", lamentou o dirixente sindical.
"Nós non podemos considerarnos cómplices e temos que saír á rúa para denunciar isto que para nós é un roubo", concluíu Marcos Conde.