Condenado a traballos sociais un home que encerrou á súa ex na súa casa cando foi recoller as súas cousas tras a ruptura
Por Natalia Puga
43 días de traballos en beneficio da comunidade e prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da súa vítima e comunicarse con ela durante tres anos. Esta é a pena que deberá cumprir un veciño de Barro por coaccións ao seu ex parella, á que deixou encerrada na súa casa.
O acusado recoñeceu os feitos, que ocorreron sobre as 20:00 horas do 23 de maio de 2021, despois de que o acusado e a súa vítima rompese a súa relación. Ese día, a vítima acudiu ao domicilio que compartira ca súa ex parella, o acusado, coa intención de recoller os seus aveños e obxectos persoais.
Acompañábana o seu sobriño e dous amigos e o acusado deixou entrar só á vítima e ao seu sobriño. Empezaron a recoller e baixar parte dos efectos ao portal, pero, cando volveron subir ao piso para recoller máis cousas, o acusado pechou con chave a porta da casa.
O home, segundo recolle a sentenza, colleu os efectos dela que estaban no portal e tirounos a un contedor.
O sobriño da vítima logrou saír da casa pola xanela, pero ela non puido saír ata que regresou o acusado media hora despois e abriu a porta.
Coa conformidade do acusado, a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou unha sentenza condenatoria como autor dun delito de coaccións no ámbito da violencia de xénero.