A "crispación" aprópiase da asemblea do Liceo Casino, "a máis multitudinaria que se lembra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A "crispación" apropiouse do Liceo Casino de Pontevedra. Tras o cisma orixinado no verán entre os socios pola decisión da Xunta Directiva de realizar altas "bonificadas" de novos socios nos últimos meses, este martes celebrouse unha asemblea convulsa marcada polos berros e falta de entendemento.
A asemblea contou coa asistencia de máis de 400 socios, un número totalmente inusual para este tipo de reunións, ás que adoita acudir unha pequena representación da sociedade. Foi, en palabras dunha socia, "a máis multitudinaria que se lembra. Nunca vira tanta xente".
Esta inusual afluencia xerou o primeiro problema, pois a directiva non contaba co número suficiente de documentación impresa en formato físico para todos os presentes, pero tamén afectou á forma na que transcorreu a asemblea, pois "mesturáronse socios con e sen dereito a voto" e "non estaban preparados para xestionalo", segundo algúns dos presentes.
Tras prohibir o acceso aos medios de comunicación porque se trataba dunha reunión privada nun local privado, a directiva manifestou o seu malestar porque a crítica normal e entendible en toda asociación, nos últimos meses, adquiriu un "cariz de escarnio público".
De feito, desde o estrado, o presidente, Alejandro Regueiro, confiou en que, tras a asemblea, "se termine esta campaña de acoso y derribo" na que se queixan de "mentiras y calumnias sobre las actuaciones de la junta directiva" que provocaron "daño persoal y profesional".
Algúns dos socios presentes quéixanse de que na mesa, á beira da xunta directiva, había dúas persoas ás que non presentaron ata ben avanzada a asemblea, que resultaron ser dous asesores económico e xurídico. Quéixanse porque falaron sen presentarse, presidiron a reunión sen ser membros da directiva e fixérono "interrompendo aos socios" cando falaban.
O malestar xeneralizado que se deixou ver na asemblea tamén afectou á forma na que discorreu a mesma, pois votábase por aclamación, pediuse poder facelo de forma secreta ou nominativa e, tras unha votación a man alzada, a directiva tomou a decisión de que todo debía facerse en público, que o voto non podería ser secreto.
Xa o primeiro punto da orde do día foi polémico, pois se aprobaba a acta da asemblea anterior na que se abordaron a polémica decisión das altas bonificadas, primeiro non saíu aprobada e pediuse volver repetir a votación.
Un socio pediu que se celebrase unha nova asemblea nun lugar preparado para acoller a este número inusual de participantes e no que se puidese garantir o voto con seguridade e así se acordou, de modo que o resto da reunión tan só foi informativa. As votacións quedaron pospostas á seguinte asemblea.
A reunión prolongouse ata ben pasadas a 23.30 hora da noite nas instalacións do Liceo Casino de Manuel Quiroga e foi especialmente detallada no relativo aos informes sobre as contas e as instalacións, pero toda votación queda á espera dunha nova convocatoria.
"O nunca visto", é o resumo dalgún dos presentes, que constatan a división interna da asociación e que houbo momentos de tensión nos que a tamén concelleira e deputada socialista Paloma Castro gritou a algún dos socios e, desde o público, alguén lle gritou a ela, "vete a gritar al Parlamento".