As oficinas do ORAL recuperan a atención presencial sen cita previa
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, anunciou a recuperación da atención presencial sen cita previa no Servizo de Xestión Tributaria e Recadación de Recursos Locais (ORAL) nunha visita ás oficinas na Avenida de Marín na capital da provincia.
Esta atención presencial sen cita previa perdeuse como consecuencia das restricións sanitarias pola pandemia da covid-19. Aquelas persoas que desexen planificar a súa asistencia a estas oficinas seguirán tendo a posibilidade de solicitar cita previa.
Luís López lembrou que durante este tempo déronse casos de xente que se achegaba á oficina do Oral "porque non estaban familiarizados co manexo das plataformas" ou que acudía de maneira ocasional "e non podían recibir a atención que demandaban e tiñan que volver outro día". "Iso en ámbitos rurais e non tan rurais causaba un prexuízo. Por iso cremos que é un avance importante", declarou este martes Luís López sobre a importancia da recuperación da atención presencial sen cita previa.
Nesta primeira visita ás oficinas do ORAL como presidente da Deputación, Luís López, estivo acompañado polo deputado de Xestión Tributaria, Alejandro Lorenzo. Ambos destacaron o "excelente labor" que realizan as persoas que traballan neste organismo dependente da entidade provincial.
Durante a visita o presidente provincial puido coñecer que xa se abriu o seu prazo de pago de dous tributos municipais, o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o Imposto de Actividades Económica (IAE) cuxa recadación se espera que superen os 72 e os 8,9 millóns de euros respectivamente.