O camión da 'Ruta Enfermera' fai parada en Pontevedra para poñer en valor esta profesión
Por Oskar Viéitez
O camión da 'Ruta Enfermera' fixo escala este mércores en Pontevedra estacionando na Praza de España para concienciar á sociedade sobre o labor diario destes profesionais da enfermería e fomentar hábitos saudables e o autocuidado entre persoas de todas as idades.
Esta campaña ten como lema "Te cuidamos toda la vida" e está promovida polo Consello Xeral de Enfermería, coa colaboración de todos os colexios de enfermería de España.
A directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra, Susana Romero Yuste; e as subdirectoras de Enfermería da área, Ana García e Silvia Amoedo, xunto a Marisol Montenegro, vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra visitaron este tráiler e aplaudiron a importancia desta campaña itinerante.
Ao longo da xornada impártense charlas sobre primeiros auxilios en accidentes domésticos, dieta cardiosaludable, lactación materna.
Ademais, na carpa situada no exterior, realízanse talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar básica, atragoamento-obstrución da vía aérea e posición lateral de seguridade.
O vehículo tamén conta con diferentes espazos nos que se mostran materiais para a poboación xeral e tamén para as propias enfermeiras. Hai vídeos con información sobre distintas patoloxías, enquisas para coñecer a percepción que se ten da profesión, un autotest de saúde, xogos interactivos e un espazo destinado á detección do ictus, grazas á colaboración do Consello Xeral de Enfermería con Pulso Vital.
Relacionadas:
-
33 estudantes de Medicina inician o seu último curso no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sanidade destina case 2 millóns a novo equipamento electromédico nos centros de saúde
Por Redacción |
-
A Plataforma de Cerdedo pola Sanidade Pública aplaude que recupera a matrona en Tenorio
Por Redacción |
-
Para "mellorar a confianza" dos pacientes os sanitarios identificaranse con tarxetas personalizadas
Por Redacción |