A Formación Profesional agarda superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados en Galicia
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes o Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, onde destacou a aposta da Xunta pola Formación Profesional.
"Este ano xa demos pasos moi significativos coa maior oferta da historia, de 42.174 prazas en primeiro curso, e cando remate toda a tramitación de matrícula agardamos superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados na FP", afirmou o conselleiro.
Román Rodríguez recordou que nos últimos anos se crearon "sete centros especializados de FP", entre eles este de Fontecarmoa e o Montecelo de Pontevedra, "unha senda pola que seguiremos avanzando coa conversión en centro integrado da Escola de Cantería de Poio".
Así mesmo, destacou a posta en marcha do Centro Galego da Innovación da FP en Ourense, e o "salto de calidade" que supuxo nestes últimos anos a posta en marcha dos másteres que "para este curso incrementamos a oferta dos másteres nun 55%, superando as 1.000 prazas, e abrimos a súa oferta a calquer titulado de FP e as graduados universitarios", declarou.
Ademais, destacou que os centros de FP galegos contan este curso cun total de 85 aulas de emprendemento e 42 espazos de tecnoloxía aplicada e 31 viveiros de empresas en centros FP.
LICITACIÓN DA AMPLIACIÓN PARA FINAIS DE ANO
No marco da súa visita ao CIFP Fontecarmoa, o conselleiro anunciou que a Xunta está ultimando ampliación deste centro. O proxecto está actualmente en supervisión, e a previsión é licitar as obras cara finais de 2023. Entre as actuacións a realizar, a obra contempla a expansión do edificio e a ampliación da nave de talleres, así como a substitución da cuberta, entre outras.
Relacionadas:
-
A Escola de Cantería de Poio incorpora catro novas titulacións tras a súa conversión nun centro integrado de FP
Por Redacción |
-
"Primeiro paso" para que a Escola de Cantería sexa unha das "xoias da coroa" da FP galega
Por Alejandro Espiño |
-
14 estudantes chineses reciben en Pontevedra o Diploma Avanzado en Relacións Internacionais
Por Oskar Viéitez |