Unha Festa Holi para que o inicio do curso sexa "o máis alegre e especial posible" en Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A volta ao cole prevista para a vindeira semana estará precedida en Poio dunha gran festa. Será este venres, 8 de setembro, a partir das 18.00 horas na Praza da Reiboa, na Seca.
Esta Festa de Volta ao Cole será una Festa Holi con pos de cores, na que tamén se inclúen actividades e sorpresas,como obradoiros, inchables e a animación do DJ Javi Solla.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou a festa este luns acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, polo xerente do Centro Comercial A Barca, Ángel Vejo, e por representantes das Anpas locais e de Protección Civil de Poio, que tamén colaboran co evento.
"Gustaríanos que o inicio do curso sexa o máis alegre e especial posible para os nenos", destacou Moldes, por iso é polo que decidiron organizaron unha festa cunha "novidade importante" que "vai tinguir de moita cor a Praza da Reiboa".
Practicamente todas as concellerías están involucradas para optimizar todos os recursos dispoñibles co obxectivo de lograr unha festa moi participativa. "Estamos convencidos de que a participación vai ser moi alta, e confiamos en que sexa un éxito", sinalou durante a presentación.
Moldes agradeceu a colaboración do Centro Comercial A Barca, porque, "coa situación económica que ten o concello", a súa colaboración é "fundamental" para poder celebrar esta festa. Ademais, coa súa implicación demostra que o centro comercial está aberto á cidadanía e "é un aliado importante para os nosos veciños".
O xerente do centro, Ángel Vejo, agradeceu ao Concello e ás asociacións de nais e pais a oportunidade de "colaborar en todas estas iniciativas que son moi interesantes".