"C'est fini. Au revoir". Maica Larriba pecha a súa etapa na Subdelegación e dá paso en funcións a María Isabel Alonso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"C'est fini. Au revoir". Maica Larriba escribiu esta mensaxe, "Acabouse. Adeus", na páxina do 31 de agosto de 2023 no calendario do seu despacho na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. É o día formal da súa xubilación e, como tal, da súa despedida no cargo que ocupaba desde xuño de 2018, e tocou dicir adeus ao seu despacho e a unha etapa intensa para a que só ten boas palabras.
A modo de despedida, organizou un almorzo informativo cos medios de comunicación e, totalmente relaxada, pechou un ciclo que agora dará paso a un retiro moi centrado na súa familia, os seus amigos e o seu neto Mario.
Na Subdelegación, non estará ela, pero continuará traballando todo o equipo actual e o funcionariado e estará á fronte, en funcións, a Secretaria Xeral, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, nomeada en xuño de 2018 como ela e, previamente, xefa provincial de Tráfico.
Estará en funcións ata que nomeen a un substituto para o que, de momento, non hai nome, aínda que si soa o do concelleiro de Vigo Abel Losada. Este xoves, en declaracións aos medios de comunicación, Larriba lembrou que esa substitución "xa non é a miña responsabilidade", senón que depende do delegado do Goberno, Pedro Blanco, co que tivo xa un encontro formal de despedida, "decidir e buscar se realmente quérese nomear antes de que o panorama político a nivel nacional estea despexado"
En todo caso, mentres tanto, a praza "queda nunhas magníficas mans".
Antes de recoller definitivamente as súas pertenzas, en declaracións aos medios de comunicación, quixo enviar unha mensaxe de despedida "a todos os cidadáns e cidadás da nosa provincia" para os que "traballei cada día con todo o meu equipo", con todos os funcionarios da Administración Xeral do Estado, tanto organismos integrados como non integrados.
O seu "único obxectivo" nesa etapa foi "servir aos cidadáns e as cidadás" e sinalou que o fixo "sen buscar ningún outro interese de carácter persoal". Así, viviu situacións "tremendamente difíciles" como a pandemia da covid-19 ou o naufraxio do Villa de Pitanxo nas que "o que había que facer era traballar e non buscar ningún outro tipo de rendibilidade".
"Hai rendibilidades en política, na vida da xestión pública, que están fóra de contexto, non é decente facer política nin tentar rendibilizar a dor das persoas, que foi moito durante todo este tempo", engadiu Larriba, que no seu último día agradeceu a todos os medios "sen excepción" o apoio e o traballo para dar a coñecer o seu traballo aos cidadáns.
Maica Larriba recoñeceu a semana pasada, nunha entrevista en PontevedraViva, que uno dos grandes descubrimentos da súa etapa como subdelegada foi coñecer a fondo o traballo desta institución tan descoñecida para a maioría da cidadanía. Este xoves, sinalou que "detrás da seguridade das persoas, para que poidamos estar nun concerto, nun partido de fútbol, nunha concentración... hai moito moito moito traballo calado, anónimo, que está aí".
Así, recoñeceu que queda "un traballo por facer" que na súa etapa non foi posible: visibilizar a Administración Xeral do Estado, "que os cidadáns e cidadás saiban o que é porque eu creo que, ademais da importancia que ten, é unha maneira de vertebrar o territorio do Estado".
Relacionadas:
-
Rafa gañou, pero nada cambiou: Lores, alcalde por sétima vez
Por Alejandro Espiño |
-
Xa é oficial, Abel Losada é o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- Maica Larriba: "O Villa de Pitanxo foi horrible; eu nunca vin tan de preto a dor e a desesperación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
A xefa de Tráfico en Pontevedra, nova secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en funcións
Por Natalia Puga |