A xefa de Tráfico en Pontevedra, nova secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en funcións
Por Natalia Puga
A ata agora xefa provincial de Tráfico en Pontevedra, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, é desde hai días a nova secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, un cargo no que foi nomeada, pero só en funcións, ata que o novo Goberno de Pedro Sánchez nomee novo subdelegado.
Fontes oficiais confirmaron que se realizou unha atribución temporal de funcións a María Isabel Alonso de Linaje desde que o día 4 de xuño cesou no cargo por xubilación José Félix López Araújo, que ocupaba o cargo desde o ano 2009.
Tras a xubilación de José Félix, a nova secretaria xeral asumirá en funcións o cargo de forma temporal, pero aínda sen data de conclusión. O novo subdelegado ou subdelegada do Goberno que previsiblemente será nomeado a próxima semana poderá ratificala no cargo ou nomear un novo responsable.
Respecto diso, cabe apuntar que José Félix López Araújo exerceu o cargo con tres subdelegados diferntes de distinto signo político. Foi nomeado por Delfín Fernández (PSOE) e mantívose con Antonio Coello (PP) e Ana María Ortiz (PP). Esta última está actualmente á fronte da Subdelegación, aínda que se prevé que sexa cesada en cuestión de días, unha vez que este venres o Consello de Ministras e Ministros nomee novo delegado do Goberno en Galicia e, a partir de aí, chegue o nomeamento de novos subdelegados para as catro provincias.
María Isabel Alonso de Linaje Calzada era xefa provincial de Tráfico da provincia de Pontevedra desde xullo de 2013. Licenciada en Dereito, pertence á Escala Superior de Técnicos de Tráfico. No ano 1996 incorporouse á Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra, onde, antes de asumir a Xefatura, desempeñara diversos postos relacionados con asuntos xurídicos, seguridade viaria e coordinación da tramitación administrativa.
José Félix cesou o 4 de xuño, pero previamente, o 1 de xuño, realizáranlle unha comida-homenaxe á que asistiron a subdelegada, membros da Policía Nacional e a Garda Civil e funcionarios das distintas unidades administrativas do Estado.