Distinguen a seis establecementos da Illa de Arousa por compostar de maneira responsable os seus biorresiduos
Por Redacción
O Concello da Illa vén de distinguir co 'selo Revitaliza' a seis establecementos de hostalería por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico. Trátase de catro chiringuitos de praia: Carpe Diem Camaxe, O Xurel, Patapalo, Areoso Beach Club; e de dous restaurantes: Churrasco Con do Sol e Restaurante Cámping Salinas.
Todos eles dispoñen de composteiros individuais e as súas candidaturas cumpriron todos os requirimentos de calidade e boas prácticas esixidos polo departamento provincial.
Con este selo preténdese dar os parabéns aos beneficiarios dos recoñecementos por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza, podendo lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza como un distintivo personalizado.
No marco das actividades realizadas polo Revitaliza e coa finalidade de recoñecer a participación dos establecementos na xestión propia dos seus biorresiduos, concedeuse este selo de calidade acreditativo coa finalidade de reforzar este proceso e informar á cidadanía do seu esforzo e implicación.
Os galardóns foron entregados este martes da man do alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa e da responsable da área de Medioambiente e da Concelleira de Turismo Rosi Viana e a mestra composteira Nerea.
A intención é que se vexa como a economía circular da fracción orgánica a nivel local xera beneficios para a contorna local xa que a utilización do compost aumenta a biodiversidade, a fertilidade dos solos e a capacidade de reter auga, e globalmente contribúe na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro mediante a retención do carbono.