Caldas dedica unha praza ao xuíz e escritor Máximo Sar
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis dedicou unha praza a Máximo Sar. No acto de homenaxe estiveron presentes o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, o alcalde de Padrón, Anxo Rei, o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña, a familia de Máximo Sar, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, varios compoñentes do grupo Os Endovélicos formado por escritores e artistas, do que Máximo Sar foi membro fundador; igualmente asistiron ao acto representantes de entidades e veciños da vila termal que quixeron compartir este emotivo encontro.
Pseudónimo de Maximino Rodríguez Buján, Máximo Sar compaxinou a súa paixón polo mundo xudicial coa de escritor, sendo un estudoso da historia e costumes de Caldas e a súa comarca, publicando durante décadas en xornais como La Noche, El Correo Gallego, Diario de Arousa, Faro de Vigo, La Voz de Galicia ou Diario de Pontevedra.
Nacido en Padrón (1922) chegou a Caldas na década dos cincuenta, estreándose como xuíz no Xulgado Comarcal de Caldas, onde residiu desde entón. Xubilouse sendo Maxistrado nos Xulgados de Pontevedra. Foi membro do Padroado da Fundación Rosalía de Castro e partícipe de numerosos proxectos culturais con escritores e artistas galegos.
Nomeado Fillo Adoptivo de Caldas de Reis en xuño de 2020, o Concello publicou ese mesmo ano un libro recompilatorio con boa parte das súas crónicas sobre Caldas. Agora o municipio dedícalle unha praza que leva o seu nome, situada na confluencia da rúa Pasionistas con Rúa da Pena.
Máximo Sar foi un veterano activista cultural e referente indiscutible para a historia de Caldas e de Galicia. Faleceu en Caldas de Reis no ano 2022, case centenario, seguindo activo e cunha memoria prodixiosa.