Poio aprobará dúas modificacións de crédito para pagar a primeira remesa do millón de euros que debe o Concello
Por Oskar Viéitez
O novo Goberno local de Poio aprobará no vindeiro pleno municipal dúas modificacións de crédito para pagar a primeira remesa do millón de euros en facturas que debe o Concello de Poio, moitas delas sen consignación nos orzamentos.
O alcalde Ángel Moldes destaca que "imos facer un importante esforzo diminuíndo as partidas nas que aínda quedan cartos, porque moitas delas estaban xa esgotadas en xuño" e criticou de novo o "despilfarro e o descontrol no gasto".
As dúas modificacións de crédito que se queren aprobar ascenden a 42.275 euros e 63.956, e segundo o informe de intervención corresponden a facturas pendentes de aprobación por falta de crédito.
Precisamente, por iso o informe de Inrtervención advirte nos dous informes que emite e que se levarán ao próximo pleno municipal, de "infraccións moi graves en materia de xestión económico-orzamentaria" e de "vulnerar o procedemento de contratación" ao realizar gastos sen consignación nos orzamentos.
Ademais, tamén chama a atención en que nalgúns casos non se seguiu o procedemento esixido para contratos menores que superan os 7.500 euros, polo que emite dous informes de reparo, un para o contrato para o subministro mobiliario no Pazo Besada, que ascendeu a 16.364 euros e outro para a sinalización horizontal e vertical en xaneiro, febreiro e marzo por importe de 17.828 euros.
Nestes dous expedientes inclúense, ademais destas facturas, gastos en saneamento, alumeado público, mobiliario, subvencións, investimentos en edificios... E eses dous informes da intervención indican tamén que aínda quedan máis facturas pendentes de aprobación que tamén carecen de crédito para a súa aprobación, e que suman un total de 543.766 euros.
Para poder facer pago a esta primeira remesa de facturas pendentes de pago, o Concello de Poio utilizará 43.792 euros do proxecto de impermeabilización na Casa Museo de Cristóbal Colón, que está pendente de recibir a autorización do servizos de Patrimonio Cultural e polo tanto, de momento non se pode licitar a obra; tamén contará cun sobrante da Mellora da accesibilidade na Biblioteca municipal, que contaba cun sobrefinanciamento no proxecto e ten un sobrante que non perturba o normal funcionamento do servizo; utilizarase un crédito sobrante por importe de 2.776 euros no investimento xa rematado impermeabilización de parámetros verticais e horizontais en Xaime Illa, así como o crédito retido por importe de 19.910 euros para adquisición de contedores.
Ángel Moldes sinala que "é inasumible seguir con esta débeda e manter este nivel de facturas sen pagar nas contas municipais".
Relacionadas:
-
O PP aproba o orzamento de 14,7 millóns de euros para o 2024 en Poio
Por Redacción |
-
O Pleno de Poio aproba solicitar un préstamo para pagar facturas pendentes e para comprar a gardería de Campelo
Por Redacción |
-
A biblioteca municipal de Poio retoma a súa actividade cun contacontos este venres
Por Redacción |
-
Poio aproba as modificacións de crédito para saldar débedas con empresas e autónomos
Por Redacción |
-
O Goberno local de Poio aprobará unha modificación de crédito de 89.168 euros
Por Oskar Viéitez |
-
"Descontrol" no Concello de Poio con 300.000 euros sen pagar por "contratacións verbais e a dedo" do goberno anterior
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Poio defende que o Concello está "totalmente saneado" e acusa o alcalde de "embustes e manipulacións"
Por Redacción | Creada e actualizada