Acusan ao Concello de "abandono de funcións" no rescate dun gato que estivo máis dun día nunha árbore
Por Natalia Puga
Máis de 24 horas estivo un grupo de pontevedreses tentando rescatar un gato que se subiu a unha árbore no vial situado entre a avenida Josefina Arruti e a estación de autobuses e que, a pesar dos seus reiterados intentos, non baixaba á rúa.
Finalmente, o felino logrou ser rescatado sobre as doce do mediodía deste luns, pero este grupo de persoas levaba tentándoo desde primeira hora da mañá do domingo.
Co gato xa a salvo, decidiron denunciar a situación de perigo que se xerou. Así, quéixanse de que tanto o domingo como este luns chamaron varias veces á Policía Local e aos bombeiros para pedir a súa colaboración no rescate. Segundo a súa versión dos feitos, os policías dixéronlles que se correspondía cunha tarefa dos bombeiros e eles que carecían de medios suficientes.
Alberto de Salazar, coordinador local de PACMA e avogado de profesión, denunciou o sucedido no Concello de Pontevedra.
Lembra que a Lei de Protección e Benestar de Animais de Compañía en Galicia atribúe ao Concello a competencia e obrigación de recoller aos animais perdidos ou abandonados, de modo que esta forma de actuar supón un "abandono de funcións" e tamén "incumprimento" da norma autonómica.
Ao gato descubrírono sobre esa árbore de gran altura á primeira hora da mañá do domingo un grupo de voluntarios que colaboraba coas tarefas de limpeza do río Gafos organizadas pola asociación ecoloxista Vaipolorío.
Durante todo o día do domingo, estiveron pendentes do animal e pola noite uníronse un grupo de mozos residentes da zona que viron o ocorrido desde a súa casa.
Xa na mañá deste luns, lograron unha escaleira e usárona para subir á cima da árbore. Tras rubir polas ramas, lograron rescatar o gato.
Ademais de denunciar a situación de abandono na que se atopou o animal, tamén critican que os cidadáns que participaron no rescate puxéronse en perigo sen contar cos medios nin a preparación específica para este tipo de situacións. "Podía pasar calquera cousa e quen sería o responsable?", pregúntanse, ante o risco asumido.