RADIO.- Santiago Domecq: "Estar en Pontevedra é un reto porque é o reduto taurino en Galicia e iso cárganos de responsabilidade"
Por Marisa Ciordia
Santiago Domecq Bohórquez leva apelidos senlleiros vinculados ao sector taurino. Como gandeiro este 2023 cumpre corenta anos á fronte do ferro do mesmo nome. Unha tempada, a presente, na que os seus touros foron recoñecidos polos Veterinarios de Madrid e Sevilla nas súas respectivas feiras de San Isidro e Abril. "Levamos xa moitos anos e que se recoñeza este resultado en feiras de máxima categoría énchenos de satisfacción", di o empresario xerezano no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio.
Este domingo 13, as súas reses comparten cartel con Morante de la Puebla, Julián López 'El Juli' e José María Manzanares. Non é a primeira vez que estes touros figuran na Feira da Peregrina, a última foi no 2017 e anteriormente en 2014. Nesas ocasións previas Santiago Domecq non puido desprazarse ata Pontevedra pola coincidencia de ter acartelados os seus touros noutras prazas, pero esta vez - aínda que tamén coinciden en Béziers -, si estará por primeira vez nesta cidade. "Para nós estar na Feira da Peregrina é un reto porque entendemos que é o reduto taurino que hai en Galicia e iso cárganos de responsabilidade para que a xente salga contenta. A nosa máxima sempre é esta", afirma.
Falamos con Domecq Bohórquez da tesitura actual do campo bravo, do papel dos gandeiros de bravo entre os axentes que interveñen neste sector ou das críticas cara á reiterada presenza do encaste Domecq (coas súas diferentes liñas) nas feiras españolas. A este último respecto indica: "non hai ganderías, senón gandeiros. Actualmente hai familias e encastes de Domecq que teñen marcadas diferenzas. E isto ocorreu sempre".
Concluímos falando da calidade do festexo previsto para este segundo domingo de agosto en Pontevedra: "o cartel é de máxima atracción e a pouco que se presten os touros seguramente darán bo espectáculo. Nós... imos con máxima ilusión, pero isto é un melón por calar e nunca se vai con todas as garantías, oxalá; pero se non fose así tampouco sería bonito. Creo que a festa ten moita parte de: a ver que pasa e iso pono o touro e cada un sae á súa maneira. A nosa intención é que salga ben, así que... xa falaremos despois da corrida".
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.