Estudantes Erasmus: Welcome to Pontevedra!
Por Redacción
Aprender castelán e coñecer algo máis da cultura galega. Son os principais motivos que teñen os 29 bolseiros estranxeiros do programa Erasmus que este martes comezaron os seus estudos no Campus de Pontevedra. Todos eles súmanse aos 13 que están na cidade desde o inicio do curso 2013-2014. Con estes datos, Pontevedra consolídase como campus de acollida de un cada vez maior número de estudantes internacionais.
"Estamos encantados, porque cada ano recibimos máis estudantes estranxeiros. De feito, en proporción ao número de alumnos, o de Pontevedra é o campus que máis alumnos de intercambio recibe", destaca Ana Belén Fernández Souto, responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus de Pontevedra. Pero non só aumenta o número, senón que "tamén se amplía o número de nacionalidades".
De feito, diferentes convenios bilaterais permitiron a chegada a Pontevedra dunha decena de estudantes procedentes de América Latina. ÿ o caso, por exemplo, de Alan Calamaco, Jimena Torres e Diana De Hoyos, tres estudantes mexicanos que se incorporan á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Destacan a "amabilidad" da xente de Pontevedra nestas primeiras horas na cidade. O único 'pero' que lle poñen, por agora, é o clima, recoñecen con humor.
Pola súa banda, a brasileira Alissara Zanotelli, recoñece que se decantou por Pontevedra "porque é unha cidade moi distinta, da que nunca antes oíra falar", igual que a nicaraguana Daniela Rodríguez, que se amosa "fascinada por la cultura gallega, muy rica y muy diferente a la de sitios como Madrid o Barcelona". Tamén estudarán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, destino de 19 dos 29 estudantes que se incorporan ao campus.
Da Universidade de Bremen chega a Pontevedra a alemá Melanie Muller, que explica que a súa intención neste cuadrimestre, ademais de ampliar a súa formación, é aprender castelán. O mesmo lle acontece ao belga Yannick Van Lunter. Claro que hai tamén quen deixa claro desde o primeiro día o seu interese polo idioma galego, como é o caso de Mateo Domenichini, orixinario da cidade italiana de Bolonia.
Sumados aos 14 alumnos e alumnas que permanecen durante todo o ano na cidade son en total 43 os estudantes estranxeiros que nos próximos meses se formarán no campus. 28 deles farano na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, mentres que outros sete cursarán estudos en Belas Artes e Ciencias da Educación e do Deporte e un farao na Escola de Enxeñaría Forestal.