Abrazos gratis dos alumnos de Erasmus de Pontevedra
Por Redacción
Unha vez perdida a vergoña e adquirida certa dose de atrevemento, tanto os estudantes estranxeiros do campus pontevedrés como os veciños da cidade déronse numerosas apertas e bicos nun ambiente cargado de risas e intentos, ás veces pouco produtivos, por establecer un pequeno contacto.
A praza da Peregrina foi o escenario elixido pola ESN de Vigo (Erasmus Student Network) para realizar este martes a que foi súa primeira actividade na cidade do Lérez dende a creación da asociación no ano 1990. Baixo o lema Apertas gratuítas, este grupo de estudantes conseguiu paralizar por uns minutos a vida diaria desta céntrica praza do casco histórico.
O coordinador de ESN Vigo, na súa delegación en Pontevedra, Sergio Lorenzo acompañou a este grupo de estudantes estranxeiros nunha xornada que pretendía mudar a imaxe que unha parte da sociedade segue a ter destes alumnos de intercambio, deixando a un lado esa idea preconcibida de que só veñen a España a gozar das festas.
A pesares disto, ao remate desta xornada chea de apertas e mais apertas, estes mozos, procedentes de países como Alemaña, Italia, Polonia ou Brasil, marcharon de cañas e tapeo polo casco histórico pero "co único propósito de coñecer mellor a cidade e aos seus habitantes", explicou o coordinador.
Segundo adiantou Lorenzo está previsto que nos vindeiros días se realicen outras actividades como son a gravación de dun vídeo (harlem shake) e unha festa de benvida (welcome party). Unha vez inmersos no curso académico, o secretario da asociación non descarta que os estudantes poidan participar en diferentes campañas de sensibilización, colaborando con ONGs mediante a recollida de tapóns ou simplemente doando sangue. Tamén está previsto que se acondicione un local no que estudantes do campus e estranxeiros poidan practicar o inglés e o español respectivamente. O uso doutras linguas como son o alemán, o italiano e mesmo o galego sería outra opción a ter en conta neste espazo.
Relacionadas:
-
Estudantes Erasmus: Welcome to Pontevedra!
Por Redacción |
-
'Welcome day' para 28 alumnos estranxeiros do Campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
As recicletas son para os estudantes de Erasmus en Pontevedra
Por Redacción |
-
Á Casa Inglesa da Universidade de Vigo sáelle unha 'irmá': nace a Casa Española
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra acollerá o primeiro encontro de estudantes de intercambio de Galicia
Por Redacción |