Tres arousanos néganse a que os interrogue o fiscal, que os acusa de traficar con heroína dun veciño do Vao
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Tres veciños da comarca de Arousa sentáronse este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por terceira vez dende o mes de xullo de 2013 e nesta ocasión si foron xulgados. A Sección Segunda xa tivera que suspender a vista dous veces, pero esta celebrouse sen problemas e o xuízo quedou visto para sentenza. Malia todo, a sesión en si quedou baleira de contido, pois os tres procesados se negaron a responder ao interrogatorio do fiscal Antidroga, Luis Uriarte.
Joaquin I.R., Albina María V.R. e Pío G.D. si cederon a responder ás preguntas dos seus respectivos letrados, aínda que no caso de Joaquín, considerado o líder do grupo, o seu avogado non lle formulou ningunha cuestión. O fiscal quixo que as declaracións que fixeron durante a fase de instrución do proceso constasen na acta, de modo que el mesmo procedeu a lelas ao tribunal, se ben o procesado Pío G.D. tampouco declarara ao xuíz de Cambados que instruíu o procedemento.
A preguntas da súa defensa este martes, Albina María V.R. explicou que era consumidora habitual de droga e negou a súa implicación cos feitos xulgados. Pío G.D. insistiu en que era "multipolitoxicómano", que levaba consumindo droga dende 1980 e ten VIH dende 1980. Non "recuerda nada" do día que o detiveron porque seis días antes saíra do hospital con neumomía e estaba a tomar unha medicación moi forte.
Joaquín I.R. explicara ao xuíz que ningún dos 14 encontros que supostamente tivo con Jesús C.C., xulgado por estes feitos noutro procedemento diferente, para comprarlle heroína tivo, en realidade, vinculación coa droga. "Nada tiene que ver con drogas", sinalou tanto en relación coas citas co seu subministrador como as veces que a Garda Civil lle cazou dando droga os outros dous procesados.
Malia esta declaración, este martes compareceron no xuízo (tanto por videoconferencia coma en persoa) diversos axentes da Garda Civil que levaron a investigación e concluíron que Jesús C.C., veciño do Vao que lles vendía a droga, chegou a submininistar a Joaquín I.R., coñecido como Quin, 3,7 quilos de heroína despois de ter concertado citas ambos os dous a través de contactos telefónicos con números comprados en Portugal.
Joaquín I.R., de 43 anos, xa foi condenado por un delito contra a saúde pública en 2007 na Coruña a catro anos e seis meses de prisión. Na declaración en fase de instrución que este martes leu o fiscal aseguraba que xa non tiña relación co mundo da droga e que a vida "holgada" que lle atribúe a Garda Civil a conseguía porque ingresaba de 50.000 a 60.000 euros ao ano dun viveiro de ameixa familiar de Carril. Os investigaores concluíron que non tiña actividade laboral coñecida.
Os gardas civís do Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) da Comandancia de Pontevedra confirmaron a relación entre os tres procesados e co seu subministrador tanto porque lles tiñan os teléfonos picados coma porque lles pillaron nalgúns dos encontros nos que intercambiaban heroína por sumas como 8.000 ou 14.000 euros dende decembro de 2009 e durante os primeiros meses de 2010.
A droga supuetamente adquiríaa Xesús C.C., dáballa a Joaquín I.R. e este, segundo o fiscal, "víñase dedicando á venda de importantes cantidades de heroína no Salnés, empregando para iso diversos distribuidores aos cales vendía para que eles posteriormente a distribuísen a menor escala".
A implicación dos tres procesados na venda non é a mesma, de aí que o fiscal pida para Joaquín I.R. seis anos de cárcere e para os outros dous, cinco anos. Tras o xuízo, elevou a súa petición a definitiva e os avogados dos tres acusados pediron a libre absolución ou, en caso de condena, que se teña en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas. Nos xuízos previos pediran a anulación das actuacións, pero o maxistrado rexeitouna.