Pasa a noite co seu ex, discuten, bótaa de madrugada e pégalle porque non lle devolve o tabaco
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Un maltratador pontevedrés foi condenado por unha agresión á súa ex parella e nai da súa filla. Tras romper a relación, unha noite, ela quedou a durmir con el e, de madrugada, comezou unha discusión que acabou en agresión.
Ambos mantiveran unha relación entre o 24 de xuño de 2020 e decembro de 2021, durante a que conviviron en varios domicilios na cidade de Pontevedra e tiveron unha filla. Cando xa romperan, a noite do 27 ao 28 de xaneiro de 2022, ocorreron estes feitos.
A muller decidiu quedar a durmir xunto co seu ex no domicilio del en Pontevedra e, sobre as 3,30 horas da madrugada, ambos espertaron e comezou entre eles unha forte discusión.
Durante esta discusión, el díxolle a ela que se fose da súa casa, ela pediulle que lle dese un minuto e volveu deitarse na cama. Nese momento, el, "coa finalidade de causar menoscabos físicos á súa ex parella", subiuse encima dela ao carricho e propinoulle fortes golpes. Ela tratou de quitalo de encima dándolle un empuxón e finalmente el, por propia vontade, quitouse de encima dela.
Ela levantouse e colleu as súas cousas, pero antes de abandonar a vivenda, produciuse un forcexeo entre ambos na cociña da vivenda, xa que el pretendía que ela lle devolvese un paquete de tabaco que tiña consigo. Nese momento, agarrouna forte e violentamente pola cintura e propinoulle patadas nas pernas.
O Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra condenouno a el por u delito de lesións leves no ámbito de violencia contra a muller a oito meses de prisión, dous anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas e tres anos de prohibición de aproximarse a ela ou cumunicarse con ela por calquera medio, incluídas as redes sociais e o teléfono.
O condenado recorreu esa sentenza e a sección cuarta da Audiencia Provincial revisouna e estimou parcialmente o seu recurso, reducindo a condena, que quedou reducida a seis meses de prisión e un ano e medio de prohibición de aproximarse a ela ou comunicarse con ela, ao entender que se vulnerou o principio de proporcionalidade das penas.
"Valoradas as circunstancias concorrentes (entidade das lesións, características da denunciante e lugar no que ocorren os feitos) ... estímase adecuado ao principio de proporcionalidade a imposición da pena de 6 meses de prisión", explica a maxistrada da Audiencia.