O Parlamento galego designa a Carme da Silva como unha dos tres senadores que representarán a Galicia
Por Redacción
O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta mañá, en sesión extraordinaria aos tres senadores representantes da Comunidade Autónoma para a XV Lexislatura das Cortes Xerais. Resultaron elixidos José Manuel Baltar Blanco e José Manuel Rey Varela, en representación do Grupo Parlamentario Popular; e María Carme da Silva Méndez, en representación do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego.
A pontevedresa Carme da Silva ten unha dilatada experiencia política e tamén parlamentaria. Foi deputada do BNG entre 2005-2009 e tamén exerceu como deputada en 2012 durante a VIII Lexislatura, concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é responsable da Concellería de Planificación Territorial e foi a cabeza de candidatura ao Congreso por esta provincia.
Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva nacional do BNG e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio.
Pola parte do PP, José Manuel Baltar Blanco foi presidente da Deputación Provincial de Ourense, cargo que deixou o pasado mes de xuño unha vez celebradas as eleccións municipais. Mentres que José Manuel Rey Varela foi nomeado conselleiro de Política Social da Xunta, onde permaneceu ata 2018. Nas pasadas eleccións autonómicas de 2020 foi elixido deputado no Parlamento de Galicia, cargo que deixou o pasado mes de xuño para tomar posesión como alcalde de Ferrol.
Previamente, noutra sesión específica, o Pleno do Parlamento de Galicia elixiu a Juan Carlos Aladro Fernández para cubrir unha vacante como conselleiro do Consello de Contas de Galicia. Licenciado en Dereito e diplomado en Criminoxía, Juan Carlos Aladro Fernández desempeñou toda a súa actividade profesional en Galicia como funcionario da carreira fiscal, exercendo, no seu último destino, como fiscal xefe provincial de Pontevedra entre 2007 e 2023.
Relacionadas:
-
Carme da Silva deixa o Concello para centrarse no Senado: Será a "concelleira número 10", destaca o alcalde
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Carme da Silva toma posesión do seu escano no Senado "en memoria de Alexandre Bóveda"
Por Diego Espiño |
-
Carme da Silva fai entrega en Madrid da súa credencial como Senadora
Por Redacción |
-
O ex fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, novo conselleiro do Consello de Contas de Galicia
Por Natalia Puga |
-
O BNG propón que Carme da Silva sexa senadora por designación autonómica
Por Natalia Puga |