Feridos catro mozos ao caer dun balcón en Sanxenxo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Catro novos resultaron feridos durante a noite deste xoves 27 de xullo. Segundo os primeiros datos ofrecidos por servizos de emerxencias e o Concello de Sanxenxo, os mozos precipitábanse ao patio de luces do edificio número 78 da Rúa Madrid.
O incidente producíase minutos antes das 01.00 horas.
Segundo as mesmas fontes, un dos feridos atópase moi grave e foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago; dous dos mozos foron trasladados ao Hospital Montecelo e o cuarto foi atendido no mesmo lugar polo persoal sanitario do Punto de Atención Continuada de Sanxenxo e foi dado de alta minutos máis tarde, segundo informa a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Os dous mozos ingresados en Montecelo permanecen estables. Un deles atópase en cirurxía con contusión pulmonar e fractura de costelas; e o outro continúa en traumatoloxía con traumatismo cranioencefálico leve e pequena fractura de omoplato. O mozo de 18 anos, trasladado a Santiago, atópase na UCI, en estado moi grave, segundo informan desde o SERGAS.
Sinalan que o suceso se rexistraba nunha vivenda particular onde se celebraba unha festa privada. As persoas atopábanse no balcón cando cedeu a varanda na que se atopaban apoiados provocando a fatal caída.
Segundo o Concello de Sanxenxo, trátase de mozos veciños de Madrid, con idades comprendidas entre os 18 e 20 anos. Na vivenda estaban oito amigos pasando uns días, todos procedentes da capital de España, un deles é o propietario do inmoble.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local de Sanxenxo, ambulancias e persoal do servizo de emerxencias.
O arquitecto municipal do Concello de Sanxenxo vai desprazarse durante a mañá deste xoves ao edificio para revisar e realizar as comprobacións urbanísticas pertinentes do resto de balcóns do edificio.
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, tamén se achegaba este xoves ata o edificio e confirmaba que se requeriu á comunidade de propietarios tanto verbalmente como por escrito que se revisen todos os balcóns. O técnico municipal considera que as varandas doutros pisos non se atopan en malas condicións para decretar o desaloxo do inmoble.
Investíganse as causas que provocaron o accidente neste edificio do ano 1989, segundo indicaba o rexedor, que lamentou o suceso e amosou o seu apoio os familiares das persoas feridas.