Condenan un home por pegar dúas veces ao fillo menor da súa parella e a ela quítanlle a custodia
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de revisar a pena imposta a un home que foi condenado por pegar en dúas ocasións ao fillo de tres anos da súa parella. O tribunal confirma a súa condena, pero rebaixa a pena, que pasa de cinco anos e medio a tres anos e oito meses.
A sentenza inicial ditouna o Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra en decembro de 2022 e o condenado recorreuna. Como resultado dese recurso, a Audiencia decidiu reducir a condena, que segue sendo por dous delitos de lesións, pero de menor entidade.
O condenado mantivo unha relación sentimental de dous meses coa nai do neno, entre marzo e finais de abril de 2019, tempo no que conviviron no domicilio dela co seu fillo, que entón tiña tres anos e dous meses.
O primeiro delito polo que foi condenado ocorreu sobre as sete da mañá do 11 de abril de 2019, cando o home estaba a soas a cargo do coidado do menor, antes de levalo á gardería por encargo da nai, que non estaba na casa.
Segundo a sentenza, "con intención de menoscabar a integridade física", do neno, propinoulle varios golpes na cara e na zona do oído dereito exercendo unha forte presión. Como consecuencia desta agresión, perforoulle o tímpano dereito.
O segundo episodio ocorreu 13 días despois, o 24 de abril, á mesma hora e coa mesma "intención de atentar contra a súa integridade física". Golpeouno na cara e cabeza, agarrándoo do cabelo e apertando con forza a súa coxa dereita, causándolle de novo lesións.
Os episodios son os mesmos nas dúas sentenzas, aínda que a Audiencia modifica as consecuencias das lesións do segundo incidente e rebaixou a condena por eses feitos de dous anos e medio a oito meses. Polo primeiro ataque, a condena é a tres anos de prisión.
Recolle a sentenza que o menor era unha persoa "especialmente vulnerable" posto que apenas sabía falar e comunicarse coa súa contorna e que foi a avoa paterna a que denunciou os feitos.
Como consecuencia de todos estes feitos, cedeuse a tutela do menor provisionalmente á avoa e a tía paterna "pola protección e seguridade do menor".
Ademais de cumprir os tres anos e oito meses de prisión, o acusado ten prohibido aproximarse a menos de 100 metros do neno, do seu domicilio, centro escolar ou de calquera outro lugar onde se atope, así como comunicarse con el durante cinco anos por un delito e dous anos e oito meses meses polo outro.
En concepto de responsabilidade Civil, indemnizará ao neno con 900 euros polas lesións derivadas das dúas agresións sufridas e ao Sergas con 4468.39 euros polas asistencias médicas derivadas das dúas agresións.