Sindicatos da Policía Local afirman que a Alameda esixe "menos intervención policial" que Rafael Areses para acoller a feira
Por Anxo Lourido
A sección sindical de policías locais no Concello de Pontevedra emitiu un comunicado no que quere aclarar a postura dos sindicatos policiais en relación ao informe que alega o goberno local para rexeitar a instalación dos vendedores do mercado ambulante na Alameda de Pontevedra.
Segundo indican "respectamos as decisións políticas que se tomen en cada momento" pero sinalan que cando "se utiliza o termo policía local na súa extensión" están a referirse a un informe do Xefe de Policía no que se mostraba "algún reparo ao traslado do mercado ambulante á Alameda" e desde os sindicatos aseguran que ese informe non pode facer mención "á totalidade do persoal. Quen o fai é un único funcionario e non consta que fose tratado na xunta de mandos ou consultado cos axentes e mandos intermedios que montan os operativos. Por tanto, é un informe do Xefe da Policía Local, non da Policía Local", indican.
Manuel Pallares, delegado de SPPME, e Antonio Millares, delegado de CCOO, dúas dos representantes sindicais que promoven o comunicado explican tamén que a localización do mercado ambulante na avenida de Rafael Areses "estaba claramente infrautilizada xa que para pouco máis de 50 postos que se montaban tiña unha afectación na zona importante".
Engaden que se tiña que cortar o tráfico todos os sábados con valos e baleirala de coches que quedasen estacionados, coa denuncia e traslado con pago de taxas. A esa circunstancia, suman o acceso ao aparcamento superior do Recinto Feiral a través da beirarrúa desde a avenida de Compostela cun "ancho insuficiente para un dobre sentido de circulación e con certo risco para os peóns".
Tamén indican que as tarefas de limpeza, debido á extensión da zona prolongábanse pola tarde. En canto a outras contraindicacións desa zona expoñen a afectación ao aparcamento do Recinto Feiral, o máis utilizado de Pontevedra, con problemas para visitantes e outros usuarios que non atopaban o acceso a ese espazo.
Por este motivo, explican que a celebración do mercado na Alameda, desde o punto de vista operativo-policial, "simplifica as nosas funcións" porque a entrada é única e non precisa de cambios na circulación da zona ao "limitarse perfectamente a área comercial e o control dos postos e a venda ilegal é máis sinxelo".
Especifican que a vixilancia da zona a realizan as patrullas que, a diario, permanecen polo centro e non se detectou, segundo manifestan, máis problemas de tráfico, seguridade ou estacionamento abusivo ou non autorizado desde que se desenvolve a feira na Alameda. O estacionamento das rúas próximas permanece limitado a 15 minutos facilitando o intercambio de espazos para vehículos, sumado á presenza de dous aparcamentos subterráneos de pago e outros dous disuasorios nas proximidades.
Indican tamén que a circulación pola rúa Alameda é "máis ben escasa" desde o peche de Raíña Vitoria.
Por este motivo, conclúen o seu manifesto expresando que "a celebración do mercado ambulante na Alameda desde o punto de vista policial non ofrece máis problemas que cando se facía na avenida Enxeñeiro Areses, máis ben vén comprobando que esixe menos intervención policial nos preparativos e na afectación e usos de espazos públicos".
Sinalan que é necesario manter unha "certa disciplina" na inspección da venda ambulante para evitar postos ilegais ou un aumento destes postos polas capacidades da zona. Neste sentido lembran cando se instalaban máis de 500 postos de venda. En todo caso, aseguran que na actualidade o mercado ambulante "está debidamente dimensionado para a zona" na que lembran celébranse outros eventos con "un número importante de persoas, vehículos e outros elementos".
O goberno local ha indicado que traslada o mercado ambulante a Rafael Areses a partir do sábado 22 de xullo e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recoñeceu que se establece un período de diálogo con todas as partes implicadas para buscar unha localización de consenso que sexa permanente.
Relacionadas:
-
Os vendedores ambulantes ven "inviable" o traslado da feira á Avenida de Bos Aires
Por Diego Espiño |
-
Os ambulantes denuncian ao Concello no xulgado por non deixarlles instalar a feira na Alameda
Por Alejandro Espiño |
-
Mercado ambulante na Alameda: "Ay, aprovechen hoy para comprar, que nos echan de aquí"
Por Anxo Lourido |
-
Primeira moción socialista do mandato: apertura de Raíña Vitoria con plataforma única e tráfico restrinxido
Por Anxo Lourido |
-
O goberno municipal abrirá un "período de consultas" para decidir o futuro da feira
Por Alejandro Espiño |
-
Os cambios na feira, un "cachondeo" para o PP, que opta porque siga na Alameda tras as festas
Por Alejandro Espiño |
-
Satisfacción tras a estrea da feira na Alameda: "Polo meu posto pasou xente que non vira na miña vida en Rafael Areses"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |