Absolto un mozo de 18 anos acusado de abusar dunha menor de 14 no Grove porque ambos tiñan unha "madurez similar"
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza absolutoria para un mozo acusado de abusar dunha menor de 14 anos cando el tiña 18.
A sección cuarta da Audiencia absolveu este acusado porque considera probado que mantiveron relacións sexuais consentidas, "sen que mediase violencia ou intimidación" e que ambos "presentaban un grao de madurez similar para determinarse no ámbito sexual".
O mozo estaba acusado dun delito continuado de abuso sexual sobre menor de 16 anos e foi xulgado en xuño na Audiencia. Agora, o tribunal determina que a valoración da proba practicada permite concluír "sen xénero de dúbidas" a existencia de relacións sexuais mantidas "de forma voluntaria e libremente".
Os feitos que a Audiencia considera probados ocorreron na última semana do mes de febreiro de 2019 no Grove. O agora absolto, de 18 anos quedou coa menor e cunha amiga, os tres desprazáronse ata a praia da Bajeira, no Grove, e alí, "co seu consentimento e sen que mediase violencia ou intimidación", a moza practicoulle unha felación.
Ao día seguinte ou dous días despois, volveron quedar os tres e foron ata a zona do Alto de Siradella, no Grove. A amiga saíu do vehículo e os outros dous mantiveron relacións sexuais con penetración, prestando ela consentimento e sen que mediase violencia ou intimidación.
Sinala o tribunal que coinciden nesta cuestión tanto o acusado como a mellor e unha testemuña e que, neste caso, débese aplicar a cláusula de exención de responsabilidade penal prevista no artigo 183 quater do Código penal, segundo a cal "o consentimento libre do menor de dezaseis anos excluirá a responsabilidade penal polos delitos previstos neste capítulo cando o autor sexa unha persoa próxima ao menor por idade e grao de desenvolvemento ou madurez".
Neste caso, a diferenza de idade "non determina diferenza en canto ao desenvolvemento e madurez de ambos", non só respecto a o seu aspecto físico, como se desprende das fotografías obrantes nas actuacións e da propia declaración da amiga da menor, senón que consta nas actuacións o informe de resultados e conclusións do estudo pericial psicolóxico, do que se conclúe que ambos presentan un grao de madurez similar para determinarse no ámbito sexual".
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.