Adxudicadas 500 luminarias LED máis en Barro, que se financiarán con fondos Next Generation
Por Redacción
O Concello de Barro está a apostar pola renovación e modernización da súa rede de alumeado público, co obxectivo de conseguir un mellor servizo e de abaratar o enorme gasto que supón a electricidade para as arcas municipais.
Ata o momento a entidade municipal xestionou distintos proxectos que permitiron a implantación de tecnoloxía LED en arredor de 650 luminarias e neste momento vén de adxudicar un novo contrato que permitirá a renovación doutras 513, co que acadará a cifra de 1.156 luminarias este mesmo verán.
Este novo proxecto vaise executar no lugar de Bretoña e en varios lugares das parroquias da Portela, Perdecanai, Valiñas e Barro. O custo do mesmo será de 239.593 euros, que se financiarán con fondos europeos Next Generation captados polo Concello a través do programa DUS 5000.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mostrouse moi satisfeito "por seguir avanzando na modernización da rede de alumeado e por ter captado unha importante subvención de fondos europeos para esta finalidade".