Sanxenxo mellora os seus parques infantís con cambios no chan e xogos inclusivos
Por Redacción
Sete parques infantís repartidos por todo o municipio de Sanxenxo serán mellorados para que a experiencia dos seus usuarios, nenos e nenas, sexa a mellor posible e se poñan todos os medios para garantir a seguridade de todos os seus elementos.
Así, cambiarase o chan dos parques infantís de Panadeira (Sanxenxo), A Salgueira (Vilalonga) e A Carballeira (Noalla).
A superficie de todos eles atópase deteriorada polo que se colocará unha base amortiguadora de caucho que se rematará con céspede artificial de última xeración en 925 metros cadrados.
Ademais, co obxectivo de facer os espazos lúdicos máis inclusivos colocaranse cinco zonas de xogo nos parques de Canelas, San Roque, O Espiñeiro e Adina.
Trátase de cinco randeeiras cesta pensados para todas as idades e especialmente deseñados para nenos con deficiencias motrices, cumprindo os criterios de accesibilidade universal.
A estrutura está formada por postes e traveseiro de aceiro galvanizado, con remaches laterais. Do traveseiro superior colga unha randeeira cesta de poliamida onde caben varios nenos. O sistema de cadeas inclúe unha cadea de seguridade en ambos os laterais.
O adxudicatario dos traballos é Multiservicios Doval, que achega unha garantía total dos equipos e materiais fornecidos, ante defecto de fabricación ou funcionamento, que inclúa a corrosión, fabricación, materiais e pezas defectuosas, durante un período de cinco anos.
O prazo máximo para a entrega e colocación dos materiais será de 40 días naturais a contar desde a formalización do contrato.
A actuación terá un custo total de 47.432 euros, dos cales a Xunta de Galicia financiará o 70%, mentres que o 30% restante será asumido por fondos propios do Concello de Sanxenxo.