Os médicos residentes disporán dun programa formativo na UCI da área sanitaria
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés anuncia o aumento de actividade docente para facultativos internos residentes (MIR), coa acreditación do servizo de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
A doutora Pilar Pousada, xefa do servizo de Coidados Intensivos, será a encargada da coordinación desta formación. O doutor Alberto Touceda encargarase da docencia. O equipo profesional da UCI do Hospital Montecelo tivo unha participación moi activa na preparación da documentación para lograr a acreditación formativa.
Os residentes dispoñerán dun programa formativo nas diferentes áreas específicas de Medicina Intensiva, que contan con novos protocolos de supervisión e avaliación. Tamén colaborarán os servizos de Medicina Intensiva dos Complexos Hospitalarios Universitarios de Vigo e A Coruña, ao recibir a rotación temporal dos residentes que se formen na UCI do Complexo pontevedrés.
A Medicina Intensiva ocúpase dos pacientes con disfunción ou fracaso actual ou potencial dun ou varios órganos ou sistemas, que representan unha ameaza para a vida e que son susceptibles de recuperación. Inclúe o soporte do doante potencial de órganos.
Este servizo require un manexo continuo dos pacientes, con monitorización, diagnóstico e soporte das funcións vitais máis afectadas, ademais de tratamento das enfermidades que provocan a disfunción con atención inmediata ao paciente en calquera circunstancia en que se atope. Os tratamentos son máis específicos aos que se ofertan nas áreas de hospitalización convencional.
Esta especialidade xustifícase na necesidade dun coñecemento diferenciado e específico, con tecnoloxía propia especializada e dedicación exclusiva.
A doutora Pilar Pousada indica que con esta acreditación para a formación MIR na UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra tamén se potenciará a proxección para optimizar a atención aos pacientes críticos. Explica que se desenvolven habilidades, actitudes e coñecementos propios dun nivel asistencial especializado e complexo para tratar a pacientes gravemente enfermos.
A área sanitaria conta con acreditación docente en 25 especialidades hospitalarias, ademais de matronas, enfermería de Familia, enfermería de Pediatría e enfermería de Saúde Mental. Dispón de 81 titores, 35 encargados de ofrecer a docencia en Atención Primaria; 31 en Atención Hospitalaria e 15 no ámbito de Enfermería.
Relacionadas:
-
Os MIR fórmanse na atención inicial de pacientes con patoloxías críticas
Por Redacción |
-
Acreditación de excelencia nacional para o Servizo de Alergoloxía do Hospital Provincial
Por Redacción |
-
A intelixencia artificial, unha aliada en Pontevedra para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
Homenaxe aos 155 profesionais da Área Sanitaria que se xubilan
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Consolidada a función asistencial da Unidade de Linfedema do Complexo Hospitalario
Por Redacción |