A intelixencia artificial, unha aliada en Pontevedra para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra implantou un novo sistema de intelixencia artificial para mellorar os cribados de cancro de colon, detectando e clasificando pólipos colorrectais nos pacientes que se someten a esta proba.
Este sistema, denominado PolyDeep e deseñado integramente en Galicia, utiliza esta tecnoloxía para o recoñecemento de imaxes en tempo real en endoscopia dixestiva, segundo informan desde o hospital pontevedrés.
PolyDeep, que foi activado xa na área sanitaria de Pontevedra no marco dun proxecto do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, atópase na actualidade nunha fase de validación tamén nas áreas sanitarias de Vigo e Ourense.
Tras axustarse a un equipo de endoscopia, o sistema traballa en paralelo co médico encargado de realizar a proba, analizando os pólipos en tempo real e indicando ao endoscopista lesións sospeitosas, marcando ademais a porcentaxe de malignidade.
O seu traballo está baseado nun adestramento previo con máis de 20.000 imaxes e centos de horas de vídeos de gravación de exploracións normais e exploracións con patoloxía.
O doutor Juan Turnes, xefe de servizo de Aparello Dixestivo do hospital pontevedrés, sostén que diversos estudos rebelan que este tipo de sistemas poden aumentar nun 5% a redución da mortalidade por cancro nos programas de cribado.
"Ademais dunha maior probabilidade de atopar e extirpar lesións potencialmente malignas ten o potencial de reducir a mortalidade por cancro de colon a longo prazo, máis mesmo do que xa conseguen os actuais programas de cribado", afirma Turnes.
Os profesionais do servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria de Pontevedra acumulan máis dun ano de experiencia con sistemas similares a PolyDeep, ferramentas que segundo o seu xefe "aumenta a confianza do profesional ao evitar que se pasen por alto certas lesións".
A este respecto, o doutor Turnes móstrase convencido de que este tipo de sistemas "serán frecuentes" a curto prazo en todas as unidades de endoscopia do país.
O cancro colorrectal, lembra este experto, é o tumor maligno máis frecuente en España e o seu cribado preventivo, dirixido a pacientes de 50 a 69 anos, pode reducir significativamente o risco de padecer a enfermidade.
Relacionadas:
-
As mascotas tamén marcharán en Pontevedra contra o cancro
Por Redacción |
-
A endoscopia con intelixencia artificial avanzada será probada no Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario
Por Redacción |
-
Os médicos residentes disporán dun programa formativo na UCI da área sanitaria
Por Redacción |
-
A Cea Baile Tómbola da Asociación Contra o Cancro celebra 26 anos de tradición en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Incorporan a intelixencia artificial ao servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
O CHUP lembra a importancia de participar nos cribados contra o cancro colorrectal
Por Redacción |