350.000 euros da Xunta irán destinados a restaurar a Igrexa de Santa María de Sacos
Por Redacción
A restauración da igrexa de Santa María de Sacos en Cerdedo-Cotobade será restaurada unha vez que a Xunta de Galicia sacou a licitación para as obras cun investimento de máis de 350.000 euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia xa publicou o inicio do proceso administrativo.
As obras centraranse en solucionar as alteracións producidas por intervencións executadas na segunda metade do século XX e que provocaron danos. Ademais, está previsto resolver outras deficiencias causadas polas inclemencias meteorolóxicas e polo paso dos anos.
Na actualidade entra auga pola cuberta e rexístrase un exceso de humidade na base dos paramentos inferiores. Eliminaranse sales e condensación, con mellora do estado da estrutura de madeira da cuberta e eliminación da tribuna de formigón que se realizou no seu momento e que supón unha forte agresión á arquitectura do templo relixioso, segundo expón a Xunta de Galicia. Será cambiada por unha de menores dimensións de madeira de castiñeiro.
Tamén se realizarán tarefas de limpeza, restauración interior e renovación da estrutura de madeira e da cuberta con cambio da actual tella plana por outra curva. Establecerase un novo sistema de illamento térmico sobre a bóveda e impermeabilizaranse os encontros da cuberta.
Inclúese no proxecto unha drenaxe perimetral para reducir a humidade e cambiar os morteiros de cemento das actuais portas exteriores e das carpinterías de aluminio por outras con ventilación permanente. Tamén se modificará a actual saída por unha que impida a entrada de auga ao recinto.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Arquidiocese de Santiago que pon ao dispor da Xunta os terreos e inmobles necesarios para executar estes traballos.