Santa María de Sacos prepárase para honrar a Santo Anxo da Garda e San Lorenzo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a Comisión de Festas representada por César García e Santiago Lamas presentaron este venres xunto á capela de San Lorenzo o programa festivo de Cadabo, na parroquia de Santa María de Sacos, na honra do Santo Anxo da Garda e San Lorenzo.
O sábado 4 comezará o programa festivo con misas ás 17:00 e 18:00 horas, que se alternarán co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo. Á noite terá lugar a gran verbena protagonizada polas recoñecidas orquestras 'Os Satélites' e 'La Ocaband'.
O domingo, ás 10:00 horas a Banda de Música de Cerdedo fará a súa entrada no pobo de Cadabo, haberá misas cada hora e a solemne e cantada polo Coro comezará ás 13:00. Tamén cubrirán o recinto das festas cunha gran carpa.
Durante o acto de presentación, a Comisión de Festas agradeceu a colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade así como de todos os patrocinadores e veciños que botaron unha man cos seus donativos para que Cadabo poida disfrutar das súas tradicións e continúe honrando ao Santo Anxo da Garda e San Lorenzo.
Pola súa banda, o alcale Jorge Cubela felicitou á comisión e agradeceu todo o esforzo que realizan os seus membros e o traballo que levan para dinamizar Cadabo e manter vivas as tradicións coa celebración desta festa.
Cubela tamén agradeceu os esforzos e os traballos que leva a cabo a Comisión de Festas e sinalou que "sen a implicación activa da veciñanza na dinamización dos pobos e lugares e da súa participación organizativa todo isto non sería posible. Tamén quero salientar a aposta que se fai pola música tradicional e polas agrupacións do municipio como é o caso da actuación dos Abrentes de Cerdedo, a Banda de Música de Cerdedo e tamén o Coro de Cerdedo que participará na misa cantada do domingo ás 13 horas".