O voto de Cambados Pode, decisivo para que o socialista Samuel Lago goberne en Cambados
Por Almu Dapena
O socialista Samuel Lago seguirá sendo alcalde de Cambados durante os próximos catro anos. Logrou o apoio de nove dos dezasete ediles da corporación fronte os oito recibidos pola candidata do Partido Popular, Sabela Fole, que foi a lista máis votada nas eleccións do 29 de maio.
No pleno de investidura celebrado este sábado, Lago recibiu os catro votos do seu grupo, os dous de Somos Cambados e do Bloque Nacionalista Galego, e un de Cambados Pode, mentres que o Partido Popular conseguiu os oito da súa corporación
Durante o seu discurso de investidura, Samuel Lago comprometeuse a traballar "arduamente para o beneficio de todos e cada un de nós, pero tamén de aqueles que non votaron por nós como así o viñemos facendo ata agora".
Lago destacou o potencial que ten a vila e explicou que abordará "de maneira conxunta e con determinación" os desafíos e problemáticas e basearase nos piares de "progreso, igualdade e benestar" para facer de Cambados "unha vila máis inclusiva e equitativa".
O rexidor defendeu que traballará "incansablemente para impulsar o progreso en todos os ámbitos, fomentando o crecemento económico, a creación de emprego e o desenvolvemento sostible", e buscará "atraer investimentos, promover a innovación e apoiar aos nosos emprendedores locais para fortalecer a economía".
Tamén avanzou que impulsará "políticas sociais que atendan as necesidades dos máis vulnerables e promoverei a cultura, o deporte e o lecer como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida dos habitantes".
Además, comprometeuse "a ser un alcalde próximo, honesto e transpartente" e "construír un Cambados máis próspero, máis xusto e máis sostible".
Espera que o seu equipo conte co apoio da oposición e achegue "as súas e ideas e a súa enerxía para construir un Cambados mellor".
O VOTO DECISIVO
O voto que desfixo o empate entre PP e PSOE foi o de Cambados Pode, liderado por José Ramón Abal, que unha vez finalizado o pleno de investidura explicou que "o que pasou nas últimas 36 horas foi o que fixo que nos inclinaramos cara á esquerda".
Avanzou que enviarán unha carta á veciñanza "para que coñezan en detalle o que pasou nestes dous días" xa que moita dela esperaba un pacto coa dereita. Por iso, Abal defende que "hai que tomar unha decisión e ao final a confianza coas persoas é básica, senón confías é imposible gobernar en catro anos. O tempo dirá se foi unha decisión boa".
En calquera caso, xa foron varias as persoas que mostraron o seu malestar coa decisión de Cambados Pode e, cando finalizou o pleno de investidura, "foron detrás de Abal" e a Policía Local tivo que intervir para frealos.
Relacionadas:
-
28M | Só un cuadripartito pode evitar o goberno popular de Sabela Fole en Cambados
Por Diego Espiño |
-
González Formoso avala a Samuel Lago como cartel electoral do PSdeG-PSOE en Cambados
Por Redacción |
-
Samuel Lago xa é o novo alcalde de Cambados
Por Alejandro Espiño |
-
Fátima Abal dimite por motivos de saúde e Samuel Lago converterase en alcalde de Cambados
Por Redacción |