![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/29e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6484af0296-whatsapp-image-2023-06-10-at-11.58.25.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Pontevedra expón en Grenoble a súa estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe chegou a Biennale des Villes Transition de Grenoble da man do concelleiro de Desenvolvemento Sostible en funcións, Iván Puentes.
O concelleiro participou este sábado neste foro organizado por esta cidade dos Alpes franceses (Capital Verde Europea en 2022) no Parque Georges Pompidou nunha mesa redonda titulada 'Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!', na que compartiu panel con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble.
Puentes convidou ao alcalde de Grenoble, Eric Piolle, a asistir ao congreso internacional sobre reverdecemento de cidades que Pontevedra albergará entre finais de 2023 e principios de 2024 no marco dos eventos comprometidos co Ministerio para a Transición Ecolóxica
Iván Puentes tamén participou en reunións cunha responsable da rede Energie Cities, que ten un importante papel como 'lobista' nas institucións europeas, coa que pechou a participación de Pontevedra nun foro que se celebrará en Módena (Italia) en outubro, e co alcalde de Brasov, Allen Coliban, que convidou formalmente ao concelleiro a participar no Green Cities Forum que acollerá a cidade romena entre os días 5 e 7 de setembro.