28M | Lores asume que os pontevedreses "me mandan un recado serio de que consideran que o podo facer mellor"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Pasaban trece minutos das once da noite cando, co cento por cento dos votos escrutados, comparecía na sede do BNG o candidato á Alcaldía de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores arroupado por todos os membros da súa lista.
"Entendo que os cidadáns de Pontevedra queren que siga de alcalde", dixo Miguel Anxo Fernández Lores, "e o mesmo tempo me mandan un recado serio de que consideran que o podo facer mellor e eu vou responder a esa petición que entendo que se transmite despois do resultado electoral", apuntou.
O candidato nacionalista engadiu que "despois de 24 anos de Alcaldía estou convencido, agradecido e honrado por ese apoio para o próximo mandato".
Dito isto, recalcou que "teño que decir que efectivamente os resultados mándanme un recado, un aviso: que queren que o faga moito mellor é obvio que a lectura pode ir por aí".
"Eu tomo nota. Que estean tranquilos os cidadáns de Pontevedra que vou a facer caso da súa recomendación e vou intertar facelo cada vez mellor", prometeu Lores nunha breve intervención "dito isto, pois non teño máis cousas que dicir", apostilou.
Un aplauso pechado dos seus compañeiros permitiu ao candidato do Bloque tomar algo de aire antes das preguntas dos xornalistas, a primeira interesándose por se houbo xa algunha chamada telefónica aos candidatos das outras forzas rivais. "Non, non, hoxe estivemos analizando, ainda non temos os datos completos e tempo haberá para facer as valoracións pertinentes e as chamadas pertinentes e todo o que se considere. Pero hoxe non vamos a facer máis declaracións".
Lores entende que seguirá gobernando o BNG en coalición co Partido Socialista pero chanceaba ao ser cuestionado sobre a súa intención por reeditar este bipartito "é unha pregunta interesante pero todo o mundo coñecemos como é o funcionamento da corporación e obviamente para volver ser alcalde necesito apoio".
"E obvio que hai unha lista que é máis votada que a nosa pero eu entendo que os cidadáns de Pontevedra queren que o BNG siga na Alcaldía e que Miguel Anxo Fernández Lores tamén", engadiu.
Sobre unha futura negociación co PSOE para reeditar un pacto de goberno limitouse a comentar que "xa temos experiencias anteriores e non hai ningunha diferencia nin preocupación nese sentido".
Na súa intervención Lores resaltou a "normalidade" coa que transcorreu a xornada electoral e agradeceu o traballo de "todos os compañeiros que me acompañaban na lista" e tamén dos militantes, simpatizantes e "especialmente quero agradecer aos pontevedreses que apoiaron a miña candidatura".
DISCURSO NA RÚA
Ao saír da sede do Bloque, na rúa Marquesa esperábanlle militantes e simpatizantes que lle recibiron con aplausos mentres coreaban "Be-ne-gá, Be-ne-gá". Lores fundiuse nun abrazo coa súa muller e meteuse no interior da cafetería "Tábula" deixando aos seus con ganas de escoitalo. Tiveron que insistirlle para que saíse de novo e, subido de novo a unha caixa de Estrella Galicia, Lores pronunciase un breve discurso de agradecemento e o que repetiu a mensaxe transmitida na rolda de prensa.
"Estes resultados permítennos seguir traballando", destacou Lores. "Temos que achegar a moita máis xente a nós que nos permita transmitir moito mellor a nosa mensaxe", apostilou "queda moito traballo por diante".
Relacionadas:
-
Xantar nacionalista para dar as grazas a interventores e apoderados
Por Cristina Saiz |
-
Primeira toma de contacto entre o BNG e o PSOE de cara a iniciar negociacións para acadar un acordo
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
Seis caras novas para a próxima corporación municipal, que tomará posesión o 17 de xuño
Por Alejandro Espiño |
-
28M | O empuxe de Rafa Domínguez non impedirá un novo bipartito con Lores á fronte
Por Alejandro Espiño |