Combo Dominicano, Treixadura e Panorama farán vibrar a 50 Festa do Viño do Salnés
Por Redacción
David Castro, alcalde de Ribadumia, presentaba este venres na adega de Emilio Mosteiro Carro todas as actividades que se desenvolverán a partir do xoves 1 de xuño no municipio coa celebración da 'Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas', na que estarán presentes 14 adegas noutros tantos postos de venda, recuperando así a participación previa á pandemia.
Nesa xornada do xoves, o Combo Dominicano comezará a marcar o ritmo dunha edición na que se conmemora o cincuenta aniversario desta festa. Por este motivo, a programación ofrece actuacións estelares como a de Treixadura na xornada do venres 2, seguida pola verbena con Tango e La Fórmula.
O sábado 3 terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor Luís Zahera a partir das 13.00 horas. E durante a noite celebrarase o concerto Tributo a Sabina de Conductores Suicidas coa verbena a cargo de Gran Parada e América.
A festa pecharase o domingo 4 coas actuacións de Añoranza e M80, que deixarán paso á verbena da orquestra Panorama.
O alcalde agradeceu ás persoas integrantes das comisións organizadoras durante todos os anos de celebración desta festa e tamén á actual polo traballo que realizan día a día con "mimo e agarimo".
Castro sinalou que esta festa é a máis importante do Concello de Ribadumia e recolle cincuenta anos de historia, turismo e gastronomía poñendo ao municipio nun lugar destacado do mapa. Afirmou que ten confianza na regularización do viño tinto de Barrantes xa que se "deron pasos moi importantes".
Destacou que a comida de confraternización que se desenvolverá durante esta edición conta xa con 900 persoas e que desde a organización tentan aproveitar ao máximo o espazo para dar cabida a todos aqueles interesados en acudir.
David Castro tamén indicaba que a principios da próxima semana coñecerase o nome das oito ou nove persoas que se investirán como valedoras desta Festa.
Os postos repartiranse en once para o viño tinto do Salnés e tres serán para variedades autóctonas cun prezo de seis euros a botella e 1,50 a cunca do viño de Barrantes.
Está prevista tamén unha exposición coa mostra dos cincuenta carteis da historia, desde o ano 1973, desta celebración en Ribadumia.
Relacionadas:
-
Barrantes queda co primeiro premio do concurso de catas da 50 Festa do Viño Tinto do Salnés
Por Redacción |
-
Ribadumia presenta os valedores do 50 aniversario da Festa do Viño Tinto do Salnés
Por Redacción |
-
Xa hai gañador do concurso de tapas e petiscos da Festa do Tinto do Salnés
Por Redacción |
-
Ribadumia instalará un Punto Violeta durante a Festa do Tinto e fará unha campaña contra a violencia sexista
Por Redacción |