28M | O BNG de Marín preséntase como a alternativa ao PP para "construír un concello de vangarda"
Por Oskar Viéitez
A candidata do BNG á Alcaldía de Marín, Lucía Santos, destacou "corrente de simpatía" que percibe da xente polo proxecto do Bloque e "pola ilusión que desborda esta candidatura" que agarda que vai encher de votos as urnas o vindeiro domingo 28 de maio.
Durante a súa intervención no acto que o BNG celebrou este mércores na alameda Rosalía de Castro, Lucía Santos manifestou que a formación nacionalista afronta estas eleccións "coa confianza que nos dá vir cos deberes feitos", co traballo destes catro anos de mandato, "así como polo gran equipo que me acompaña".
Lucía Santos explicou as súas propostas "destinadas a crear un modelo urbano moderno para as persoas, o apoio aos servizos públicos de calidade, a aposta decidida por reter e atraer novas empresas, polo comercio local, por unha programación cultural estable e para todas as parroquias, por unha oferta de lecer ampla e variada, con especial atención á mocidade, pola atracción de visitantes e turismo ao longo de todo ano".
O acto rematou cun chamamento a votar polo BNG o vindeiro 28 de maio, como "único xeito de mudar o rumbo do noso concello e construír un concello de vangarda, o concello que a veciñanza de Marín precisa, e merece".