28M | Ana Pontón chama "a consumir non comercio local e a consumir produto local" nunha visita a Marín
Por Redacción
A candidata á alcaldía de Marín polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, contou este luns co respaldo da voceira nacional da formación, Ana Pontón.
A líder do BNG protagonizou un paseo por Marín visitando varios comercios da vila acompañada da candidata local e un grupo de representantes do BNG.
"Quero facer un chamamento, un convite, a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción", solicitou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen subliñou as vantaxes de apostar polo feito en Galicia. "A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no País, fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades", sinalou.
Lucía Santos pola súa banda criticou que "o BNG leva solicitando nos últimos anos ao goberno do PP un maior apoio ao comercio local e propoñendo varias campañas e distintas medidas, algunha das cales foi recollida polo PP e levada adiante nas últimas semanas, curiosamente na precampaña e na campaña electoral".
Por todo iso a candaidata nacionalista defendeu "a aposta decidida do BNG polo comercio local. Un elemento central na economía local que crea riqueza e fomenta a creación de emprego", xa que se trata dun sector que ""enche de vida as rúas, xusto o contrario da imaxe de tristeza, deterioro e abandono que transmiten as rúas con persianas baixadas e locais baleiros, como acontece agora mesmo na nosa vila".
Entre os seus compromisos electorais con este sector, Lucía Santos propón accións como fomentar a formación e orientación laboral, potenciar o portal dixital de comercio local Marín en Rede, estudar a posibilidade de implantar a medio prazo un centro comercial aberto no centro histórico, a promoción do pequeno comercio fronte ás grandes superficies, a revisión da ordenanza municipal e a recuperación do mercadillo de Seixo, entre outras cuestións.