Agóchase no baño do Rúas para escapar da policía tras protagonizar unha liorta doméstica
Por Redacción
Un mozo escóndeuse no baño do Hotel Rúas para escapar dos axentes da Policía Local que o buscaban por unha pelexa doméstica.
Sucedeu o pasado día 8 de xaneiro ás 13.40 horas. O ruído dunha forte discusión que se desenvolvía no interior dun piso na rúa Cobián Roffignac chamou a atención dos peóns que transitaban pola beirarrúa que alertaron a unha patrulla da Policía Local.
Segundo informaron dende a Xefatura local, os axentes municipais acudiron á vivenda da que procedían os berros e os golpes, e ao abrir o portal do edificio un mozo saíu correndo en dirección cara á zona monumental. Os axentes municipais saíron en persecución deste home de 30 anos que, ao sentirse acurralado, escondeuse nos baños do Hotel Rúas. Finalmente accedeu a falar cos axentes sendo indentificado.
Mentres tanto varios policías acudiron á vivenda para auxiliar a compañeira do home fuxido. Aínda que no interior do piso había signos evidentes dunha actividade violenta, con mobles e aparellos rotos e tirados polo chan, esta muller de 33 anos, rexeitou a posibilidade de presentar calquera denuncia contra o seu compañeiro, asegurando aos axentes que o mozo estaba en tratamento e que ela o quería moito.
A Policía local trasladou un informe destes feitos ao Xulgado.