Licitada a nova senda peonil O Viquiño-Contumil para mellorar a seguridade viaria
Por Redacción
A nova senda peonil entre O Vinquiño e Contumil, en Sanxenxo, está un paso máis preto. A Xunta de Galicia licitou este martes as obras de execución deste proxecto, que afecta a contorna da ligazón da autovía do Salnés coa PO-504 para resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible.
A senda saíu a licitación por 170.000 euros e busca unir O Vinquiño e Contumil de forma segura para o peón a través da estrada autonómica. Neste zona xa existe outra senda peonil, pero cun percorrido e destino diferente.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Telmo Martín, abordaron o proxecto nunha reunión de traballo este martes.
As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de xuño e prevese adxudicar a finais de verán. Unha vez adxudicada a actuación, o prazo de execución da obra é de 2 meses, polo que se prevé que estará concluída leste mesmo ano.
O proxecto contempla un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude entre ambas as marxes da autovía, o que permitirá superar unha barreira para a mobilidade dos peóns e reforzar a seguridade viaria. A execución desta senda leva aparellada a expropiación de 16 leiras cunha superficie total de 85,16 metros e o pago de preto de 8.000 euros.
A nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para finalizar na glorieta inferior da ligazón. Con esta solución evítase o paso pola ligazón da glorieta, polo que se consegue unha maior seguridade viaria.
A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública de modo que se garanta a seguridade dos usuarios, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no tramo que discorre paralelo á PO-504.